CUATRO FIGAIS: ZOUPEIRA, BREVAL, GOTA DE MEL E VENDIMAREGA
Foto da páxina oficial de turismo de Corullón |
.Hoxe traemos ao Mego das Palabras o nome de cuatro figais para o que viaxaremos a Corullón e aos versos dos Ensayos poéticos en dialecto berciano. Morales, por certo nesta obra utilizou a palabra figaleiros, pero a palabra máis habitual no Bierzo galego-falante é figal.
E figos de Corullón!
Ás veces un pequeno
detalle como o sabor delicioso dun figo pode levarche a unha fonda reflexión. O
tempo dos figos inaugurábase en Vilafranca por Santiago. Canastras cheas de zoupeiros
de Corullón chegaban á feira do 25 de xullo da vila ata ben entrados os anos 60. Eran unha das delicias e dos sabores asociados á
memoria daquel día que hai tempo que andan desaparecidos. Como este, poderíamos
falar doutros muitos deleites e privilexios propios de vivir nunha terra fértil
e xenerosa que, cunha absurda facilidade esquecemos sen criterio, dominados por
un consumo de supermercado fillo dese capitalismo depredador e destrutor no que
estamos instalados. Por iso non queda outra que falarmos das figais porque nos
resistimos a perdelas para sempre, e con elas os seus sabores, e porque
Corullón de vello foi e segue sendo hoxe un deses referentes marabillosos a ter
conta nesta reivindicación dos esenciais valores que nos ofrece o mundo rural,
non só para manter vivos os praceres dos seus agasallos culinarios, senón tamén
como esperanza dunha economía de noso.
Estívenlle dando a
lata estes días a varias persoas veciñas de Corullón para saber das variedades
de figais na zona e dos seus nomes. Foi un capricho que quixen satisfacer
despois de probar na Estremeira unha breva, tamén chamada bévera, das da
primeira colleita (para quen non o
saiba, as brevais ou bevereiras chamadas biferas producen dúas veces ao ano,
unha no mes de xullo nas ramas vellas e a outra de setembro a outubro nas ramas
novas). Á hora de recuperar a memoria é bon comezar
polos nomes destas árbores espléndidas que producen flores que se comen. Imos
falar polo de agora de cuatro, xa que sabemos que existe na contorna algunha
variedade máis.
Comezamos logo cos figos da zoupeira
que maduran polo San Pedro, son verdes e son os ideais para conservalos en
almibre. As xentes de Corullón editaron no ano 2012 unhas camisolas para a
festa patronal onde se podía ler: Zoupeiro:
Dícese do habitante de Corullón que colle
as vacaciois pra coller castañas, cireixas , vendimar, arrincar as patacas ,
demoucar as facendeas , gadañar a herba...
Zoupeira/o é unha palabra que cobra entón unha
acepción distinta no Bierzo ao identificar as figais e aos figos, ademais desoutro
nome co que se identifican os propios de Corullón. No tocante ao significado no
Dicionario dos dicionarios da lingua
galega aparece un apuntamento do traballo de Elixio Rivas no que aparte do
adxectivo que identifica ao figo di que
se trata dunha clase de figo grande (recollido en Dragonte) e coloca ao seu
carón a palabra zoupudo, pesado por exceso de gordura, foupeiro, cachazudo, pesado,
foupa o zoupa, cachaza, etc.
(Frampas I), calidades que dalgún xeito podemos aplicar ao figo.
Tarros de figos Zoupeiros en almíbre elaborados por Prada |
As brevais
(que en galego normativo serían bevereiras)
dan dúas veces figos de pel negra e de carne vermella e doce. Vese cuando maduran ao presentaren na pel
exterior unhas estrías brancas da cor da capa interior desa pel escura que os
rodea. O meu pai comía as brevas coa pel, aínda que hai quen prefire quitarlla
antes de saborealas.
Outros figos de cor
verde e carne clariña, mui doces, son os denominados gota de mel, que se que
chaman así, ademais de pola súa dozura, pola característica pinguiña
transparente e meliflúa que presentan no cu do figo cuando están maduros, que é
no mes de setembro, como máis tarde polo San Miguel. Eu xa probei un par deles
este ano.
A cuarta especie
son os vendimaregos/vindimaregos que presenta unha cor escura
semellante ás brevas, pero tamén ao viño e cómense na época da recollida da uva
como o seu nome xa nos indica. Unha variedade de figais que é tan propia da
zona como as zoupeiras, aínda que menos apreciada, cousa que non alcanzamos a
saber ben por que; ao meu pai eran dos que máis lle gustaban.
Estes nomes das
figais, palabras asociadas aos nosos sabores, ímosllelos facer chegar a Sara
Rodríguez de Carracedelo que xa prepara unha segunda edición do seu Dicionario do Galego do Bierzo. As
palabras escritas teñen unha importancia relevante ao converterse na memoria
literaria que alimenta de cote a nosa identidade. Iso pásanos ás xentes do
Bierzo con Sara ou con Antonio Fernández Morales que a mediados do XIX decide
escribir os seus Ensayos poéticos en
dialecto berciano e no poema Villafranca
y a vendima ao describir a feira na nosa vila vai destacando de cada lugar
presente os seus máis sinalados produtos; di:
Si logo se vai á plaza,
verá pampalliños,
liño en cerros pequeniños,
de Dragonte leña e caza,
de Hornixa
marraniños.
Leite fresca de Vilela;
as truitas de Paradela;
de Burbia a leite mazada
i estopa de Horta en manelas.
Manteca, en grandes roscois
de tripas, de Paradiña;
de Penoselo jamois;
perdices da Veigueliña,
e de Ruitelán castrois.
De Bembibre pimentón;
nas tabernas muitas zorras;
de Galicia pescao bon;
trigo e mel de Valdeorras,
e figos de Corullón.
Xa no longo poema Cuento Satírico o mesmo autor escollera como protagonistas a dous
personaxes: Xan, un corullonés que era
criado dun honrado portugués que se establece en Corullón, e que, encantado do
país, comercia cos figos do lugar. Ambos
emprenden un viaxiño por Castela adiante e van verse envoltos en varios
conflitos disparatados rematando no cárcere e con problemas coa xustiza. Será a
colleita de figos o que os salve, como confesa o amo que envía ao criado a
Corullón por cuartos:
-
Non lle a pesar sacarme dos apuros
pois anque o saco meu reclame en vano
aínda teño en Corullón mil duros
i a cosecha de figos dese ano.
Corullón logo tiña colleita abondo de figos para facer fronte aos
dispendios que a torta xustiza do XIX esixía. Por certo a quen lle pareza que o
autor deste conto satírico e crítico, estaba fantaseando ao falar dunha industria
para comerciar cos figos, haille que dicir que en Vilafranca houbo xa unha
fábrica de fruitas confeitadas, entre elas figos, denominada Almíbares
y Conservas LEDO que foi pioneira
neste tipo de produtos da terra. Antonio Fernández Morales, como vecín que foi
da vila, debía coñecela mui ben porque fora fundada como confeitería en 1818. Chegou
a ser premiada en 1900 na Exposición Universal de París, pasando a industrializar
ao por maior as súas fruitas confeitadas como tal en 1920, para o que creou
unha instalación no camiño da Estación que estivo en activo ata 1996 elaborando
como produto estrela os figos e toda clase de frutas en almíbar, doce de
marmelo, marmeladas, turrois, chocolates, perdices, paspallás, coellos e
truitas escabechadas, pementos, fritada de tomate. A súa sirena, sons da miña infancia, coma se
fose un reloxo do campanario soaba a diario ás 9, ás 13, de novo na quenda da
tarde ás 15 e ás 19 horas. Tivo tamén nunha ampliación industrial cárnica, matadoiro de cochos a partir dos anos 50
incorporando a súa produción tradiional a elaboración de embutidos como os
botelos. Hoxe as industrias agroalimentarias do Bierzo de éxito débenlle a esta
empresa vilafranquiña ter aberto mercado para este tipo de explotaciois onde o
local era referencia. Temos que sinalar neste sentido o que en Cacabelos
comezou a facer coas súas conservas Prada en 1972, dándolle á orixe berciana
dos seus produtos unha importancia esencial e resultou todo un éxito grazas,
sen dúbida, tanto á calidade dos mesmos como ao atractivo márqueting subliñado
na rotulación das etiquetas que, por exemplo, comercializa co nome destacado en
galego figos zoupeiros.
Publicidade de Conservas Ledo no programa das festas patronais de Vilafranca de 1950
Logo non estamos falando de figos por
falar. Volvamos a Corullón. Actualmente o goberno seu municipal lidera unha
serie de iniciativas que coas cireixas e as castañas como bandeira auguran un
futuro mellor a estes produtos de seu. Este concello sorprendeunos cunha
campaña que titulaba 1000 cireixais máis,
que consistía en agasallar aos veciños con novas árbores desta apetitosa fruita
e incrementar así o número exemplares para poder adquirir acceder á solicitude
dunha Denominación de Orixe
específica. Nestes días está piques de inaugurarse un Centro de Interpretación da Cireixa e, á vez, está anunciando outra
acertadísima meta, das muitas que vén realizando sobre a castaña. Corullón está
en disposición de poñer en marcha a finais de ano un Laboratorio Experimental do Castañeiro cun viveiro para as
variedades autóctonas que irá acompañado da adquisición municipal dunha parcela
para realizar un souto didáctico. Son iniciativas imprescindibles que
aplaudimos e, estamos seguros, que non tardarán en incorporar ao catálogo de
promociois a das figais autóctonas.
Todas estas poderosas ideas e proxectos,
esixen cambiar o sentido dos consumos e reconcíliannos co noso pasado agrícola.
Deberían ser exemplo a seguir por localidades como Vilafranca que tería que
saber reconducir a súa tremenda perda de cultivos hortofrutícolas nas veigas do
Burbia e das muitas fincas á poula que esperan na totalidade do concello. Recuperar tanto os mercados e as feiras, como
procurar axudas para fortalecer este sector primario e promocionar, mimar
claramente esa economía rural e ecolóxica, procurar a calidade e a proximidade
nunha proposta sostible e acorde cos tempos que corren, que esixirá
ineludiblemente a súa incorporación ás cadeas comerciais que se asentan no
municipio nunha aposta rigorosa e firme polos produtos locais.
Vilafranca precisa dun pulo económico
que explote racionalmente o seu patrimonio e que, sen descartar o pouco
imaxinativo e, ás veces, dexenerativo recurso do turismo, non esqueza o seu rico
pasado, volva a súa mirada ás raíces e asente poboación con xeito. Agora
que vén o tempo, papemos uns figos e reflexionemos, porque non só de turismo
vive o home e non podemos ignorar que o noso futuro estará ligado
necesariamente aos produtos cos que a nosa terra nos agasalla desde hai
séculos.
Comentarios
Publicar un comentario