Á ARREBATIÑA!


 Arrebatiña, arrefatiña, arrepañota, apañota, son substantivos ben próximos a verbos que xa están recollidos entre as 15000 entradas do Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez, pero ben como substantivos ou ben como locuciois adverbiais á arrebatiña, (que acostuma a usarse en plural expresivo "ás arrefatiñas”) merecen o seu espazo no noso Dicionario.

Verían a significar e evidenciar unha expresión que describe a acción ou acto de carácter popular, un reparto ou distribución onde os receptores deben facer o esforzo por apropiarse de parte desa doazón, de arrabañar ou arrebañar, arrefañar e arrapañar, repañar e apañar, sen considerarse o acto “roubar”,  sobre todo é arrebatar ou recoller os últimos restos dunha comida, colleita, alimento ou diñeiro que está no chan.

Sarmiento no seu Coloquio en mil duascentas coplas galegas, na copla 622 di:

Non vistes na vila

a vez que hai bateo,

dun rico meniño

(e máis se é primeiro)

 

Botar á apañota

no alpendre do tempro,

puñadas de cartos

aos cañóns* e nenos?

                                                                             

* cañóns:   pícaros nas prazas

 

Antonio Fernández Morales no longo poema titulado Cuento Satírico, na parte IV escribiu: 

Entonces deu principio a arrebatiña

o que máis pode, pilla máis diñeiro,

i o que menos atrapa entre esas xentes,

por fuxir deixa al menos ailí os dentes...

 

Aínda que sen citar a palabra, este mesmo autor nos seus Ensayos en dialecto berciano describe no poema Os magostos unha acción semellante á de Sarmiento que parafraseando resumimos: O maiordomo dende a torre da igrexa bótalle mamucas ao pueblo  e os rapaciños a rebullois bótanse a elas e as vellas por ganar indulxencias tamén entrando na disputa das castañiñas.   

É logo de interese introducir no noso Dicionario o substantivo arrebatiña nunha entrada que semelle ao que a propia RAE recolle e que segundo a opinión de Corominas vén do galego:

 Arrebatiña:  A acción de recoller apresuradamente unha cousa entre muitas, como sucede nalgunhas diversiois cuando se bota diñeiro, fruitas, doces ou outras cousas á rapacería.

 Debemos incluír como variante o que xa citan outros dicionarios como o Dicionario de Estraviz ou o Dicionario dos dicionarios. Arrepañota e apañota, incluso se cita a expresión botar á rapañota, variante da apañota.


Na actualidade segue viva a tradición de botarlle á arrebatiña desde os balcois castañas pilongas, conchos e caramelos ou diñeiro á rapazada que acompaña aos maios polas rúas e prazas de Vilafranca do Bierzo.
.


Comentarios

Publicacións populares