MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA
![]() |
Foto de Luis de la Mata |
O TEATRO ROMÁNTICO DA CAPITAL HISTÓRICA DO BIERZO
E OS SEUS SOCIOS FUNDADORES ENRIQUE GIL E FDEZ. MORALES
Héctor M. Silveiro Fernández
Entrando logo na villa
franca, garrida, sencilla
que honores ten de ciudá,
un castillo hacia Castilla
o viaxeiro atopará.
Atopará dulce trato,
que regale seus deseos;
tertulias, bailes, boato,
café, teatro, paseos
e cuanto pode ser grato.
Villafranca
y a vendima.
Traballando para unha comunicación na celebración
do 150 aniversario da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano”
(1861) no transcurso das sesións da VI Escola Fermín Penzol (1), que xirou
arredor da figura de Antonio Fernández Morales, foi cando atopamos, e logo
demos a coñecer, un novo vínculo deste pouco difundido cantor do Bierzo coa
nosa vila e co seu teatro: o de ser un dos seus fundadores. Quixeramos
dedicarlle pois, a este gran poeta este pequeno texto e, na súa homenaxe, escribilo no dialecto que utilizou nos seus
poemas, ademais de facer uso do mesmo pola convicción e compromiso persoal con
esta lingua histórica do Bierzo, que el reivindicou con valentía, a pesar de
ser desprezada por muitos, sabedor de que constitúe unha das fontes da nosa
riqueza patrimonial máis poderosa, parte esencial da idiosincrasia e sinal de
identidade da nosa comarca. Aínda hai outra razón máis. Este texto, hoxe
reformulado, estaba pensado para ser publicado nun número anterior da Revista
de Estudios Bercianos, pero daquela chegou tarde. Ao demorarse a súa edición,
emprendemos unha nova redacción que resultou coincidir no tempo coa celebración
do Ano romántico, cando toda a comarca lembra a Enrique Gil, ese relevante home
das letras bercianas que como unha pertinaz sombra parece perseguir e ocultar o
brillo do cantor do Bierzo en galego, Fernández Morales, a quen inicialmente
dedicaramos en exclusiva este artigo. A figura do autor cacabelense volveuse a
ensombrecer, unha vez máis, ata o punto de ter que compartir a dedicatoria
deste traballo con Enrique Gil y Carrasco. Para lograr logo un difícil equilibro
no que a omnipresencia de Gil, o cantor do Bierzo en castelán, impida eclipsar
a espléndida figura do cantor dos Ensayos
poéticos en dialecto berciano, optamos pois por manter o uso desta última
fala no presente escrito.
A historia do Teatro no Bierzo atópase a todas
luces incompleta, pouco estudada e lixeiramente desenfocada. Isto ocorre, en
gran medida, polo tratamento desafortunado que, ata o de agora, veu recibindo
en diversos estudos e aproximaciois existentes que puidemos ler e nas que se
fala con desatino do Teatro e das artes escénicas en Vilafranca. Parten de dous
erros: descoñecer a antigüidade do noso teatro e ignorar a existencia dunha
Sociedade de Teatro na vila, que aínda que naceu con posterioridade a existente
en Ponferrada, mantense esquecida a pesar de que a vila do Burbia e o Valcarce
diferénciase da capital do Sil por ter conservado en activo o seu teatro romántico
ata os nosos días, posto que o teatro romántico ponferradino, coetáneo do noso,
desgraciadamente desapareceu nos anos sesenta do século XX. Con este traballo
quixemos comezar a corrixir ese desequilibrio notorio a través da posta en
valor que trata de aportar documentación sobre a fundación deste elemento
patrimonial e cultural tan destacado do Bierzo como é o Teatro Vilafranquino.
Desde a súa creación, coma un corazón cultural moi sensible ao sentir dos
bercianos, marcou o latexar desta vila e da contorna ao longo de máis de dous
séculos e medio. Os seus sentires e pesares, fixéronse presentes enriba do seu
escenario, onde tiveron lugar desde 1843 unha chea de grandes festexos,
celebraciois e loas. Servirán estas
palabras de memoria agradecida aos seus fundadores.
Finalmente manifestaremos un desexo: este espazo
cargado de historia ben podería levar o nome de Enrique Gil y Carrasco, non
tanto por ser o poeta e novelista romántico natural da vila máis coñecido, como
por ser un dos mellores críticos teatrais da época asentado en Madrid e, á vez,
figurar como socio fundador da denominada “Sociedad de Teatro de Villafranca”.
Puntualicemos esta última aseveración. Gil figurará entre os socios desta
sociedade grazas a un amigo seu que, así mesmo e en xustiza, debemos lembrar
como un dos promotores desta loable iniciativa. Deste personaxe, do que, polo
de agora, emulando certas tramas teatrais, teñan a amabilidade de permitirnos
non desvelar o seu nome, adiantaremos xa que a súa amizade ten gran
transcendencia á hora de reinterpretar a biografía do autor da violeta (asunto
que como poden supoñer non pode ser obxecto central do presente traballo). Non
cabe dúbida de que o feito de que Enrique Gil pertenza a dita Sociedade
vilafranquina desminte, unha vez máis, todo o dito e escrito acerca da
“antipatía” cara á vila na que nacera e da que reiteradamente falan autores tan
prestixiosos como J.L. Picoche ao que neste punto emendamos humildemente.(2)
A VILAFRANCA QUE VEU NACER UNHA SOCIEDADE DE TEATRO
O documento central que nos moveu a escribir este
apuntamento para a Historia do teatro no Bierzo remítenos a 1843, mediados do
século XIX. Son os “Estatutos de la
Sociedad de Teatro de Villafranca” nos que aparecen como socios
precisamente os autores xa citados, Enrique Gil e Fernández Morales. Foi a
casualidade a que trouxo ata as nosas maos este e outros documentos que gardan
unha estreita relación coa vida política e cultural de Vilafranca do Bierzo, e
os que nos van permitir realizar esta pequena e particular aproximación á
historia local desta vila a través do seu teatro (3).
Lembremos que como consecuencia das guerras napoleónicas e as novas
ideas que se respiraban en toda Europa, a Vilafranca señorial do Marquesado
entra no século XIX, época convulsa e aberta a cambios, acariñando o soño de
ser capital de provincia. Como é sabido, no Trienio Liberal chegouno a ser por
pouco tempo e de xeito un tanto circunstancial. Era tempo de reivindicaciois e
promoción de sociedades. A pouco coñecida Sociedade Patriótica de Vilafranca en
1820 solicitara unha Universidade para a vila, e xa antes, a notable presenza
dos abades constitucionalistas da Colexiata, anunciaban que algo estaba mudando
e que, aquel soño provincial para o Bierzo e Valdeorras, podía ser realidade. A
desaparición dos señoríos, o impulso do comercio e das comunicaciois eran
necesidades obvias a reivindicar pola burguesía. Non é de estrañar que un home
como o pai de Enrique, Juan Gil, buscase acomodo neste lugar que aspiraba a
convertese en capital e que nel presenciemos a evolución dese absolutista
convencido cara a posiciois liberais, movido polo interese de chegar a ser
nomeado tesoureiro da nova e recentemente creada “Diputación Provincial de
Villafranca” (4).
A fortaleza das conviciois dos veciños desta vila
amosouse no destacado núcleo liberal capaz de resistirse coas armas á entrada
dos realistas que, a pesar de todo, conseguirían restaurar a Fernando VIII. Coa
volta ao absolutismo, o trono deu pulo as inevitables persecuciois ideolóxicas
e purificaciois, tamén o soño daquela vila liberal foise ao traste. Logo, á
morte do monarca, complícase o conflito coas guerras carlistas que a situaron
claramente no bando Isabelino e liberal,
combatendo o Carlismo con afouteza e, máis tarde, comezou un proceso
lento de transformación e de disputas entre progresistas e moderados, onde, a
pesar de todo, a arela da capitalidade une a varias xeraciois de nativos e
residentes interesados na prosperidade de Vilafranca e do Bierzo. Entre aqueles novos residentes está a
familia de Antonio Fernández Morales, como veremos. Mediado o século, esta poboación non se
desprenderá das súas ambiciosas aspiraciois, nin dese espírito romántico, dado
ao emocional e apaixonado. De ambos sentires participarán os nosos autores, Enrique
e Antonio, e os dous darán testemuña escrita do seu compromiso. É o momento no
que nace a Sociedade do Teatro.
Antes de introducirnos de cheo no retrato desa
época que latexa cunha emoción palpable no propio documento, centro de interese
deste traballo, cremos interesante reparar brevemente nos antecedentes da
actividade dramática na vila do Burbia, volvendo a vista cara atrás. Para elo
botaremos mao doutro texto que nos aporte luz sobre os momentos previos á
localización do Teatro Vilafranquino na actual Praza Maior.
OS PRECEDENTES: ACTIVIDADE TEATRAL ANTERIOR AO SÉCULO XIX
Cando Antonio aínda era un estudante de Filosofía
no Seminario astorgano, baixo da tutela do bispo liberal D. Félix Torres Amat,
o mozo xa destacara como sarxento da Guardia Nacional en Cacabelos onde
residira desde moi pequeno e entre xogos, cantos e contos comezara o seu
coñecemento da fala popular do Bierzo. Comezaría ao pouco a súa formación
militar en Valladolid, sendo destinado máis
tarde na infantería do Exército do Norte (Tui, Coruña...). Sabemos que aquel novo e flamante capitán
residiría por tempadas en Vilafranca. Efectivamente o poeta vive nesta vila
intermitentemente na casa dos seus padres a longo da década dos corenta do século
XIX, como recentemente confirmamos grazas a un dos restauradores da súa
figura, J. A. Balboa de Paz. Esta
capital histórica e cultural con toda seguridade foi unha fonte de inspiración
evidente para varios dos seus poemas (5).
Aquela mañá, Antonio saíra da casa cunha sensación
reconfortante. Gozaba dun permiso e, tras dun longo tempo fóra do Bierzo,
camiñaba dende o pontón da Barburiña cara á Praza Maior da vila. Os seus padres
instalaranse había pouco nesta “villa que
honores ten de ciudá” como un síntoma máis da prosperidade, das perspectivas
e afáns da familia, que tivera anteriormente unha botica en Cacabelos e que
trasladaran de aló para eiquí. Era día de feira e a praza do Campairo xa estaba
chea de verduras, legumes, leña e palla, as rúas e as tabernas estaban moi
concorridas. No medio da Praza da
Constitución Fernández Morales foi abordado por dous bos amigos do seu padre, D.
Joaquín Saavedra e D. Manuel Díaz Maroto, influentes señores da política local
coñecedores da valía daquel flamante capitán, liberal e isabelino. Tras dun caloroso saúdo de benvida iniciaron unha conversa afable. Antonio soubo que viñan de
compartir, había só uns meses, o pasado 11 de xullo de 1842, unha cordial e
distinguida cea na vila: nada máis e nada menos que coa S. M. o Infante D.
Francisco de Asís, ao que ofreceran un refresco e aloxamento na casa de D.
Antonio María Toledo (6).
Aquelas persoas relevantes na vida política e
cultural da vila e da provincia, promotores da capitalidade da vila, aos que
tamén se sumaron Ramón Abaunza e o seu cuñado, D. Joaquín del Pino,
recentemente chegado desde Madrid, íanlle propoñer acto seguido formar parte da
súa Sociedade de Teatro. Faláronlle entón de establecer unha categoría de
socios correspondentes, á que se acollería para pertencer á Sociedade, dados os
períodos nos que estaba ausente por mor do seu servizo no Rexemento de
Infantería e seguros de que a súa carreira militar aínda lle gardaría máis
importantes destinos que o afastarían do Bierzo longas tempadas. Polo que se ve, a súa personalidade, gustos
literarios (talvez o escoitaran recitar xa algún dos seus poemas) e calidade
humana, non pasaban desapercibidas en Vilafranca.
A vila, aínda que realmente fora por pouco tempo
capital da Provincia chamada de Villafranca (7) de feito, seguira exercendo
como tal para toda a contorna e con ese vigor romántico persistira nesa
disposición política pilotada dende o propio goberno municipal. Albergaba efectivamente unha interesante vida
política e económica, á vez que unha substanciosa actividade cultural. Só temos
que botar unha ollada, como faremos un pouco máis adiante, aos Estatutos
citados para constatar unha nómina importante de autores que coinciden por
estas datas no seu teatro. Pero volvamos
ao noso capitán, que é moi posible tratase de saber no seu faladoiro, os
pormenores das obras do novo teatro e do acondicionamento do edificio da Casa
Consistorial que se estaban acometendo e, curioso como era, preguntaríalles
onde se facían representaciois teatrais de vello, se existían outros espazos na
vila onde se representaran comedias con anterioridade.
Os
precedentes inmediatos á localización do teatro na Praza Maior aparecen
documentados de xeito indirecto nun pequeno documento de dúas folliñas que
tivemos ocasión de consultar a través dunha copia mecanografada, seguramente
por Alberto Álvarez de Toledo, non hai moito tempo (8). Nesas follas descríbese
a evolución da propiedade e usos do edificio que os veciños hoxe coñecemos como
“Hotel Comercio”, un edificio que xunto a súa horta e anexos ocupan unha
importante superficie e un lugar destacado e extenso dentro do casco histórico
de Vilafranca. Aínda que leva xa uns anos pechado como establecemento
hostaleiro, sería o hotel máis antigo da vila. A súa antigüidade está
constatada nun rótulo que presenta na súa entrada principal: HOSTAL COMERCIO: CASA FUNDADA EN EL S. XV
O documento
antedito indícanos que Gómez Ares de Valcarce, que efectivamente viviu no
século XV, legara estas propiedades a súa filla Dª María de Valcarce, como
consta no seu testamento que data de 1525. O home desta, Juan Freire de
Andrade, viúvo xa, redacta o seu testamento no ano 1548, dispoñendo ambos
esposos que este edificio pase a mans do seu fillo, Luis Freire de
Andrade. Pouco despois, o 18 de novembro
de 1552, Luis Freire de Andrade vendeullo a D. Fadrique Álvarez de Toledo
Osorio, terceiro Marqués de Vilafranca, inmoble que aparece no documento de
compra-venda conxunto así descrito: “unas
casas principales con su huerta y corrales y lagar y todo lo a ellas anejo y
perteneciente, que yo tengo y poseo, mías propias en la Villa de Villafranca,
junto a la fortaleza de ella y que han por linderos, de la parte de arriba, la
dicha fortaleza y por las traseras la cerca de dicha Villa y fortaleza, y por
delante la calle pública que llaman del castillo…”
As propiedades pasan en 1573 ao irmao do padre do
Marqués Don Fadrique, que se chamaba Juan Álvarez de Toledo e, logo, ao segundo
fillo, tamén de nome Juan, quen en 1599 llelas arrenda por seis anos ás monxas
da Nª Señora de la Laura para as que a duquesa de Alba e irmá do quinto Marqués
de Vilafranca, Dª María Álvarez de Toledo y Colonna, pretendía fundar un
convento na vila. Transcorridos eses seis anos comezará un litixio ao querer
manter ás monxas neste espazo. Finalmente as relixiosas tiveron que marchar a
Valladolid onde se funda un mosteiro co mesmo nome, que aínda existe.
Namentres, a propiedade vilafranquina da que estamos a falar, permaneceu
primeiro como vivenda dos descendentes de Juan Álvarez de Toledo e da súa
esposa, Juana de Castro, ata que foi arrendada cara 1650 para diversos fines
como ser usada como depósito de sal.
Entre os usos varios deste gran edificio, aparece
un espazo, sen precisar en detalle, dedicado a teatro. Estamos falando do
século XVII, século no que o teatro era un xénero amplamente estendido e
popular (9). A pesar das poucas referencias que se teñen algunha constancia
puntual temos de representaciois na Colexiata de carácter paralitúrxico e
outras realizadas dentro do ciclo de festexos anuais, tipo Corpus ou
semellantes(10). Contamos, por outro lado, cun relatorio que máis adiante
comentaremos que enuncia as datas nas que se programaban habitualmente
espectáculos en Ponferrada “Carnaval,
Pascua de Resurrección, La Feria de Mayo, Fiestas de la Encina y Fiestas de
Navidad”. Podemos supoñer que en
Vilafranca, de xeito semellante, se programarían representaciois nesas datas,
cambiando as festas e feiras locais, claro está, que tamén na nosa vila terían
que sortear por igual os problemas para representar sen censura, pois o bispo
de Astorga outorgaba licenza para a realización de funciois teatrais coa obriga
de gardar a compostura e de contribuír, cos cartos que se recadasen, a un ben
público da localidade ou a beneficencia, sendo supervisado este proceso polas
autoridades locais. É de destacar polo tanto a dependencia que tiñan das
autoridades eclesiásticas estes festexos.
En todo caso, e volvendo ao edificio do Hotel
Comercio en 1835, a casa da que era arrendatario un tal Ángel Gerbolés (11) sufriría
un aparatoso incendio. Sabemos, polo documento antes citado, que este señor non
tiña arrendada a bodega onde “antes estuvo el teatro”. Logo, antes
do século XIX, a actividade teatral en Vilafranca está documentada e tiña un
espazo escénico de referencia do que, polo de agora, non contamos con máis
testemuñas.
Precisamente
cara ao Hotel Comercio anos máis tarde, no mes de marzo de 1847, camiñaba
Antonio. Antes de entrar polo seu portalón e subir as amplas escaleiras,
lembraría aquela conversa tida anos atrás na praza e que lle viñera á cabeza ao
observar as grandes portas que daban aos baixos daquel edificio onde se
representaran as obras teatrais en tempos pasados. Certamente, Fernández Morales acariciaba a atrevida idea de publicar
algún dos seus ensaios dramáticos que por
mero entretemento levaba a cabo nas
súas horas de ocio, e aquel día, a través dunha carta de recomendación,
dirixíase a un dos encontros transcendentais da súa vida como autor, segundo
confesaba el mesmo (se facemos caso das indicaciois, un tanto literarias de
Ramón Carnicer). Ía entrevistarse naquel Hostal co eminente frenólogo Mariano
Cubí, que eilí se hospedaba, e grazas ao que nacería, tempo despois, a creación
poética en galego do Bierzo de Morales. Morales no Prologo da súa obra editada
en 1861 e escrito en castelán di del: “
Tampoco hubiera llevado a cabo la composición de los que ahora me hacen
quebrantar aquel propósito, si para ello no hubiera sido vivamente estimulado
por mi excelente amigo, el eminente frenólogo y filólogo D. Mariano Cubí y
Soler, cuando en años ya remotos tuve la inapreciable satisfación de conocerle.
Las reiteradas, honoríficas deferencias de marcada estimación y cordial afecto
con que me ha distinguido siempre y mi tan vivo como justo deseo de
complacerle, sirvanme ahora de escusa siquiera para abordar unha empresa que,
si bien quizá sencilla y facilmente accesible a las ricas dotes y admirables
facultades intelectuales de cualquiera de nuestros distinguidos poetas
contemporáneos, ha dado en mis manos el pálido resultado ya previsto,
corroborando en el terreno de la práctica mis previas desconfianzas y fundados
temores.” (12)
Nós pensamos que efectivamente aquel libro vería á
luz grazas á amizade de Morales co frenólogo catalá nacida naquela visita ao
Bierzo, pero tamén é de subliñar que foi decisivo o contacto fluído que dende
1847 e, polo menos, ata a publicación dos Ensayos
poéticos de Morales en 1861, mantiveron por vía epistolar. Isto pode
intuírse pola introdución que incluía o libro editado en León e que tiña 35
densas páxinas que foron redactadas polo propio Mariano Cubí despois de
intercambiar correspondencia e coñecer así unha serie de composicións e o
catálogo de voces que conforman o poemario. Cremos ademais que en 1847 o
controvertido personaxe deu unha charla na vila do Burbia non sendo estraño que
o fixera no propio Teatro, aínda que deste acto non se nos conserven referencias
documentais. Faise tamén obvio que na década dos 40 os veciños da vila sabían
que Morales era nos seus ratos libres poeta e que gustaba do xénero dramático
(se cadra tamén fixera algunha obriña pois el mesmo fala da existencia de
“ensayos dramáticos” seus). Esta última afirmación está contrastada coa súa
pertenza á Sociedade de Teatro villafranquina da que falaremos a continuación.
UN TEATRO
ROMÁNTICO EN CONSTRUCIÓN OS SEUS ESTATUTOS
Unha das razois que nos moveron a escribir e
publicar este traballiño sobre a Historia do Teatro en Vilafranca foi a de
desterrar para sempre un mal entendido que sitúa a súa construción nos
primeiros anos do século XX. O teatro en Vilafranca naceu no século XIX e estivo onde hoxe se atopa, é dicir, no
edificio do Consistorio municipal da Praza Maior, daquela Praza da
Constitución. Polo tanto o Teatro Vilafranquino, lonxe de ser un espazo creado
no ano 1905, como figura erroneamente nalgunhas publicaciois é unha creación
romántica do ano 1843 como a continuación documentamos.
![]() |
Bases de accionistas para a remodelación no 1905 |
Parécenos curioso o proceder do autor, ou autores, desta introdución, tanto polo esquecemento como polo descoido cometidos, porque existían datos que desmentían ambas cousas e xa estaban publicados. En concreto, a indicación da data de construción do Teatro vilafranquino está ligada á de construción do edificio do Consistorio, que o historiador Hernán Alonso sitúa no 1839, ano no que o municipio se dirixe á raíña rexente, María Cristina, para que, por unha parte, ceda o espazo do convento incendiado de San Francisco para cuartel e permita, pola outra, derruír o que ameaza ruína e empregar os materiais aproveitables na construción da nova casa Consistorial. Permiso que foi concedido o 6 de agosto do mesmo ano. De todos os xeitos o historiador local tampouco procedeu con total claridade e cremos que malinterpretou outros datos manexados, como os que deixou no seu voluminoso dicionario Pascual Madoz “en la plaza de la Constitución, hecha de nueva planta en estos últimos años; tiene su archivo, secretaria y un espacioso salón de sesiones de 84 pies de long. y 28 de lat.; en el piso bajo existe un pequeño teatro aun no concluido del todo, y en el frente que mira al E. una acera de 90 pies de largo y 12 de ancho” o que leva a Hernán Alonso a dicir noutra referencia “en esta plaza está el Ayuntamiento que se hizo en 1850. El teatro construído en su interior, no se concluyó del todo hasta 1905”(14). No proceso da nosa investigación procuramos contrastar estes datos e puidemos comprobar que en 1905 o que se acomete, a través dunha sociedade de accionistas, é unha remodelación do teatro xa existente e en uso. A documentación que se xerou naquela reforma non deixa lugar a dúbidas de que se trata dun arranxo. Por exemplo o título das bases para a constitución da sociedade de accionistas di: Bases para la constitución de un capital de Treinta mil pesetas con destino exclusivo al arreglo del Teatro de esta Villa, sito en la casa consistorial de esta misma (ver ilustración). Outro documento consultado recentemente no Arquivo Municipal, orientado polo arquiveiro municipal Abel López Molanes, confirma que a nosa argumentación é a acertada: o teatro estaba en uso antes do 1905. Entre os papeis manexados atopamos un “Reglamento del Teatro” dúas follas, en moi mal estado de conservación, asinadas en setembro do ano 1889 nas que se confirma que no seu artigo 1º El teatro pertenece en propiedad al pueblo de Villafranca; su conservación y administración corresponde al municipio, como representante legal del mismo. Un segundo documento mellor conservado está datado o 26 de outubro do 1881. Nunha especie de inventario no que se describen distintos locais do municipio e da Casa consistorial dise que se sitúa o teatro na planta baixa e se comenta sobre o estado de conservación do edificio que “es bueno, escepto el teatro, cuyo estado es bastante malo”. Pero camiñemos cara atrás no tempo.
Botémoslle un ollo ás obras do teatro da mao do
noso autor. Deixáramos a Morales na Praza maior nun círculo de amigos formado
polos responsables da preparación daquel espazo para o novo teatro e do
proxecto da Sociedade do que xa lle falara o seu padre, o boticario. Tras
invitalo a formar parte daquel proxecto, que, como non, aceptou gustoso,
deciden entrar a ver as obras na casa consistorial. Na Vilafranca do 1842 esas
obras, xa moi avanzadas, seguen a bo ritmo. Nas actas municipais puidemos
comprobar que na sesión do 31 de decembro aparecen pagos a un mestre canteiro,
Manuel Fdez, por facer o baldosado frontal do edificio e tamén o seguinte
texto: “A
don Juan Pérez maestro carpintero por hacer el pino del foro del teatro,
el baldosado del ante paso de dcho teatro y dar cal de recebo a todo el local
desde la puerta pral, mil doscientos nobenta r. en q. se le ajustaron estas
obras.”
Chegaría Enrique Gil a visitar este teatro en
obras? Non sería nada inverosímil que efectivamente fixese algunha escapada a
Vilafranca á casa dos seus amigos e compañeiros de estudos na súa vila natal
posto que, como veremos, foron os que o invitaran a formar parte da Sociedade
que se estaba xerando en 1842 e porque,
como dixemos, a preparación daquel espazo estaba en marcha. Para facermos unha
idea máis precisa da implicación no proxecto do autor da violeta, debemos
pousar a mirada por un momento na vida deses anos de Gil y Carrasco. Tras dos
éxitos logrados nos anos 38 e 39 en Madrid, certamente convertido nun escritor
recoñecido tanto pola boa acollida da súa poesía, como polo prestixio acadado
coas súas críticas teatrais, o autor sofre un terrible parón. A causa é a súa enfermidade, que o leva a volver ao Bierzo convalecente
por un tempo (do 5 de novembro a comezos do vrao do 1840). Daquela levaba,
desde 1836, tres longos anos sen pisar a terra que o vira nacer. Será esta
primavera do 40 na que comeza unha nova etapa creadora inspirada pola súa terra
natal, na que a pesar de que confesa por carta aos seus amigos que se aburre e
desexa volver á “infernal marabunda”
madrileña, o seu xenio creativo lévao ao campo fecundo da narrativa. Logo, aquelas afirmaciois non deixaban de ter
algo de tópico, porque el non parece ser unha vítima do tedio. Nestes meses de
convalecencia e repouso, traballa no deseño da súa primeira novela, e, ademais,
redactará o prólogo desde Ponferrada para unha iniciativa editorial que puxera
en marcha el mesmo, a edición das Poesías de Espronceda. Naquela longa estancia
na comarca berciana non sería difícil que realizase algunha visita aos seus amigos
vilafranquinos ou que fosen eles, especialmente Joaquín, o que se achegase ás
orillas do Sil ao pé do Castelo templario, para visitar a un íntimo amigo
enfermo. No vrao Gil volve a Madrid e reanuda a súa actividade literaria en
prensa, precisamente coa crítica das poesías do seu amigo Espronceda cuxa
publicación, en sinal de amizade co autor da Canción del pirata, anteporá á publicación por entregas da súa
primeira novela que titulou El Lago de
Carucedo. Grazas a Espronceda,
Enrique entra como funcionario na Biblioteca Nacional no mes de novembro
do 40. Estábase a extinguir a súa vea poética. La caída de las hojas (publicada en El Iris, marzo 1841) talvez fora concibida como despedida da poesía
comentan os entendidos. Escribíraa no outono, na súa estancia no Bierzo. O seu traballo como bibliotecario facilitará
seguir publicando na prensa, esta vez, artigos de crítica literaria ata que, en
outubro de 1841 ao pechar a redacción de El
Pensamiento, abandona a actividade periodística, comezando a preparar a
documentación de dous traballos de maior envergadura. Uns meses antes, no vrao
do 1841 volvera ao Bierzo e toma corpo a inspiración que permitirá abordar o
comezo deses proxectos literarios que finalmente titulou El Señor de Bembibre e o Bosquejo
a unha provincia del Interior. Un tráxico suceso, a morte de Espronceda en
maio do 1842, vaino forzar a escribir uns sentidos versos, para logo afastarse
da lírica e situarse definitivamente ás portas da prosa coa que xa viña facendo
probas. El Señor de Bembibre está moi avanzado.
En que momento se incorpora Gil ao proxecto da
“Sociedad de Teatro de Villafranca”? Puido perfectamente ser na visita ao
Bierzo daquel ano de 1842. Durante o vrao redacta o Bosquejo, como el mesmo documenta na visita a Peñalba e a Aquiana,
no mes de agosto (15). Se as reunións previas á fundación da Sociedade foron
realizadas aquel vrao, quizás tamén contaron coa presenza de Enrique pola
influencia dese amigo vilafraquino e vinculado ao mundo do teatro que tivo que
servir de contacto para que Gil se animase a participar e, non sería de
estrañar, que dita iniciativa local buscase o asesoramento ou mesmo nacese da
mente dese amigo de Gil. E ese amigo non pode ser outro que Joaquín del
Pino, que efectivamente tiña unha
reputación literaria asociada ao mundo teatral, pois, se Gil era un dos
críticos de teatro máis prestixiosos do momento, o seu íntimo amigo
Joaquín, compañeiro de estudos en
Valladolid, agora tamén colaboraba coas súas propias críticas dos espectáculos
que pasaban polos teatros de Madrid nunha pequena revista que saía dúas veces
por semana chamada “El Entreacto”. Non sería estraño que, se non foi redactado
no Bierzo, o borrador de estatutos para a incipiente Sociedade de Teatro, saíse das maos de Joaquín, que el mesmo o fixera
chegar a Villafranca desde a capital madrileña, quizás tras realizar certas
consultas co seu amigo Enrique, e coa finalidade de facelos funcionais para
unha poboación como a vilafranquina ao adaptar certos elementos doutros
estatutos consultados na Corte. Esa foi a ocasión que imaxinamos aproveitaría
Joaquín para invitar a participar a Gil e implicalo no proxecto. (16)
A finais do ano 1842 todo estaba listo para poñer
en marcha e dinamizar este espazo teatral na capital berciana. Así en xaneiro
de 1843 nacerá a denominada “Sociedad de
Teatro de Villafranca”. Os Estatutos desta sociedade foron editados pouco
despois desta data, como se di no propio
libreto e certifica o seu secretario Antonio Santos Burillo: “despois de ser discutidos y aprobados en 26
de Enero de 1843”. Esta pode ser
perfectamente a data oficial de nacemento do noso teatro. Imos logo cos
pormenores do documento.
OS ESTATUTOS DA “SOCIEDAD DE TEATRO DE VILLAFRANCA”
Se analizamos o contido do primeiro dos títulos:
“Objeto de la Institución”, ademais da
“xerga” propia dun texto de carácter legal (non deixan de ser uns estatutos
dunha asociación) detectamos refinamentos retóricos tipicamente burgueses e un
certo aire liberal, como os que se respiraban a mediados do XIX nunha vila en
auxe que seguía a reclamar a capitalidade de provincia: “La sociedad de Teatro de Villafranca del Vierzo, es una reunión de
amigos dedicados por pura convicción a promover el gusto a este objeto
recreativo, interesados unánimemente en su prosperidad”.
Son, si, un grupo de amigos, pero no seu título
segundo especifica: “Conveniencia de
estos Estatutos para la mejor organización de esta Sociedad. ARTÍCULO 1º
Es un axioma bien reconocido que una Sociedad de esta naturaleza
carecería de su mejor emblema, sino tuviese por base necesaria un reglamento
formal que debidamente la constituya, que dé vida ostensible al digno objeto
que representa, que proteja, defienda y economice sus intereses propiamente
suyos, que dirija su orden administrativo; y últimamente que fije a cada uno de
los individuos de su asociación los deberes que respectivamente les conciernen
en la precisa distribución de varios cargos que exije naturalmente el más
acertado sistema en que debe constituirse un objeto de esta clase”.
A imitación do novidoso espírito democrático que
se respiraba na Corte, a Sociedade dótase dunha “Constitución legal, respetable e inviolable” que procurará polo
tanto “favorecer en cuanto sea dable este
ramo de culta civilización que tan útiles ventajas proporciona a todas las
clases de la Sociedad, ya
proscribiendo el vicio, inspirando virtudes y difundiendo un germen de
ilustración común, ya sustituyendo el vacio del ocio y de la inercia,
movimiento y ocupación recreativa que por su naturaleza imprime a la vez en el
hombre perfecciones correspondientes a la dignidad de su ser” (este último
texto entrecomiñas corresponde ao artigo 2º
do título 1).
A asociación reafirma con contundencia o seu
interese público nun afán romántico que chega ao corazón e que vai máis aló
dunha pretensión puramente ilustrada, como se evidencia na redacción do artigo
3º: “Será muy celosa en promover y
adelantar cuanto conduzca a engrandecer este importante objeto de interés
público: hará sentir en el corazón de sus compatriotas el amor y protección a
tan laudable ocupación; y por último no perdonará medio de destruir cuantos
obstáculos tiendan a entorpecer los agentes que constituyan su adelantamiento y
prosperidad.” O teatro, en resumo, é un obxecto de interese público que
propicia e garante a dignidade do ser, fronte ao ocio e a inercia, e que
imprime virtudes e ilustración a todas as clases na procura dunha sociedade
culta. Ese fervor romántico déixase ver, unha e outra vez, no documento nos
frecuentes chamamentos a interiorizar sentimentos, como por exemplo, ao
referirse aos socios “corresponsales”.
Esta redacción quizás filla do carácter entusiasta de Morales ou de Joaquín e
de Enrique, que sabendo das súas limitaciois á hora de participar da mesma,
suxeriron semellante categoría de socios, que serán “los que residiendo fuera de la Villa se les conozca por amante y
decididamente interesados en sus mejoras”.
Unha retórica semellante define aos socios en xeral “serán en todo tiempo personas de providad e
ilustración”, cousa que tamén se desprende da filosofía altruísta, tan da
época, dalgunha das “Disposiciones
generales de la sociedad” que constitúen o título 12. Así a disposición número 17ª di: “Ningún individuo de la Sociedad gozará
sueldo ni gratificación, porque no hay recompesa comparable a la satisfación de
contribuir al bien general.”
Aínda que a iniciativa é particular, ten un claro
sentido municipal como se demostra polas dúas ocasiois que se indica nos
estatutos que quen presidirá sempre as reuniois da Sociedade será o “Alcalde 1º Constitucional de la Villa”
na casa consistorial (17).
Efectivamente poderíamos pensar que o propio
Alcalde foi seguramente un dos que se dirixiu oficialmente con este loable
propósito a Fernández Morales e se cadra tamén a Enrique Gil, entroutros personaxes
que nomearemos máis adiante, pouco antes de se facer realidade a Sociedade de
Teatro. Pero, aínda que a súa constitución parece responder a un interese
político da burguesía local, auspiciado ou non por residentes de fóra e amigos
de Vilafranca, unha estratexia de fondo une aos seus socios: ser un elemento
que reforza a potencial capitalidade provincial máis aló das distintas ideas
políticas. É moi rechamante o interese por eludir o debate estritamente
político para evitar suspicacias e tensiois innecesarias. O artigo 5º do título
4, que trata das xuntas, di: “Hablarán
los Socios por su orden pidiendo la palabra al Director que no podrá negarla.
Las disputas han de ser nobles, circunspectas, contraídas únicamente al objeto
que la Sociedad se propone, sin penetrar en el campo vedado de la política y de
las personalidades, porque cualquiera estravio que haya de la senda que la
Sociedad se ha trazado, acabará por la de embarazar sus operaciones y
destruirse asimismo.”
Polo que podemos deducir da lectura dos Estatutos,
a Sociedade era efectivamente a encargada de xestionar o Teatro de Vilafranca:
“tendrá con toda independencia la
facultad de dirigir, arreglar y disponer cuanto pertenezca al Teatro en su
mejor orden, fomento y administración”(título 9º) e, ademais, a promoción
da representación de obras propias, non impedía que compañías foráneas puidesen
representar no mesmo espazo. Advertimos que dita xestión non a leva a cabo
totalmente a través da súa Xunta directiva (que consta de sete membros e na que
debe haber un Presidente, un Depositario, un Contador e, por suposto, un
secretario que leva o curioso cualificativo de “archivero”, pois debe, entre
outras muitas funciois, recoller coidadosamente os textos das pezas executadas
(título 6º)). A Xunta directiva, que evidentemente se debe a unha Xunta xeral
de socios, delega o seu traballo diario en dúas comisiois executivas: Unha
chamada de Escena, e a outra, a de Maquinaria, cuxos membros están supeditados
á anterior.
A Comisión de Maquinaria está composta por tres
encargados que se ocupan, entre outras cousas, do garda-roupa, sendo entendidos
“en todo lo material directivo y
ejecutivo interior del Teatro, reuniendo algunos en sus conocimientos el de la
delineación y pintura perspectiva” (titulo 11º). Sobre dita comisión recae
a responsabilidade directa das visitas doutras compañías, como testemuña a 14ª
disposición do título 12: “Si en alguna
ocasión permitiese la Sociedad trabajar en el Teatro una o más compañías de
espectáculos públicos, será incumbencia de los encargados de Maquinaria el
tratar lo conveniente al efecto. Verificada la contrata pasará uno de dichos
directores a entregar las llaves a los contratantes, formando a vista de los
mismos un inventario de todos los útiles y cuanto pertenezca al local, el que
firmarán dichos contratantes, quedando obligados a hacer entrega de todo al
mismo Director de maquinaria, en el propio ser y estado que lo recibieron”.
A importancia da outra comisión, a Comisión de Escena, queda claramente fixada
nos Estatutos ao lle outorgar a capacidade para escoller as obras a representar
e mesmo “hacer desaparecer de la escena
todo viso de impropiedad” é dicir, exercer dalgún xeito de censores,
responsables da “finura, compostura y
delicadeza” das pezas. Debido ao peso e complexidade deste labor, os
membros da comisión, ao estilo da máis vella usanza dos cónsules da república
romana, serán dous que “en cualquier caso
de discordancia recurrirán a la junta directiva para su decisión”. A
elección destes dous Directores “que van
desempeñar tan delicado encargo, recaerá en aquellos más señalados por sus
costumbres en el Escenario, como son, pureza de lenguaje, acción, actitudes y
modismos cómicos, ceremonias públicas nacionales y estrangera”(art. 1º do
título 10º).
Ademais das habituais disposiciois duns estatutos
sobre o regulamento de cobros e
calendario de xuntanzas, hai outras curiosidades que revela este
documento sobre a xestión das funciois de teatro como a referida á venda de
billetes. Parece deducirse que a concorrencia de numeroso público nun espazo
onde hai asentos numerados destinados aos socios puidese aconsellar pechar o
número de asociados, procurando evitar así conflitos nos días das
representaciois, nos que acoden socios, actores ou actrices, ou mesmo os
directores de escena, acompañados das súas familias. Estes señores e señoras
terán o número de billetes que precisen con “toda preferencia en cada representación antes de procederse al despacho
general de villetes” como consta “en
la inscripción del libro de asientos, debiendo en caso necesario, sortearlos
entre sí para evitar toda desavenencia”. Por unha banda, existe “un libro
de asientos” onde hai que estar inscritos para ter garantía dun asento, e, pola
outra, noméanse dous acomodadores para que cada persoa atope o seu sitio
reservado, segundo o número de billete. Outramente, os estatutos tamén
aconsellan “construir una arquita de madera a manera de buzón con dos llaves,
cuyo uso será el de recibir los villetes de entrada al Teatro, que introducirán
en ella los señores recolectores destinados al efecto los días de función” (neses días “a las 9 de la mañana, la junta directiva nombrará dos espendedores para
los villetes, siendo de cargo de la misma disponer su recolección en el acto de
la entrada, igualmente que el hacer recojer los de asiento antes de concluirse
la función”.
A Sociedade fai constar tamén entre as súas
necesidades indispensables “la
organización de una parte de música de cuerda, desde luego se propone la
protección de este interesante ramo, costeando con fondos del Teatro”
procurando “despertar la afición en los
jóvenes inclinándolos a esta parte lírica anexa a las funciones del palco
Escénico”. Como un medio curioso de financiamento, a Sociedade proponse
adquirir unha “imprenta portátil” coa que se poderán “imprimir toda clase de convites y otros documentos necesarios...un servicio de tanta utilidad al Teatro y al
público”.
Finalmente, faise mención ao distintivo da
Sociedade na disposición 16ª “un sello de
figura elíptica, en cuyo vértice inferior se leerán estas palabras: <Teatro
de Villafranca> y seguirán por la línea curba las siguientes: <Los amigos
contemporáneos> poniendo en el alma del escudo una Ceres coronada de espigas
o varios atributos alegóricos al Teatro.”
As últimas disposiciois fixan a residencia en Vilafranca, reiteran a
presidencia do Alcalde Constitucional das xuntas a realizar na Casa
consistorial e aparece unha relación de nomes a continuación dunha data, a do día
do antigo Patrón da Vila (18) que entendemos serían, en sentido estrito, os
socios fundadores, os 20 presentes na discusión e aprobación dos estatutos:
Villafranca
del Vierzo 20 de Enero de 1843.__ Jacinto Meneses._ Ramón Valcarce y Núñez._
Vicente Terrón._Fernando Galarza._ Tomás Fernández Garrido. Agustín Pío
Téllez._Joaquín Saavedra._ Manuel
Quevedo._ Victoriano Enríquez._ José Pablo Fernández._ Ramón Iglesias._
Aniceto de Landejuela._ Alejandro Balbuena._Nicolás Herce._ Ramón Abaunza._
Isidoro Ovalle._ Pedro Ovalle._ José Juan de Cancelada._ Antonio Pérez._
Antonio Santos Burillo.
Como consecuencia, claro está, da mentalidade da
época non se cita a ningunha muller, aínda que a Sociedade, coa mesma filosofía
machista e decimonónica, marxina literalmente ao xénero feminino, mesmo á hora
de distribuír os impresos dos Estatutos que se repartirán entre asociados e
público en xeral, iso si, imprimindo aparte
“unos Diplomas sencillos
destinados a Señoras, en los cuales la Sociedad les consignará su espresiva
complacencia por sus servicios y desvelos en obsequio de los intereses y
prosperidad del Teatro.” Xa noutros
lugares do documento que comentamos, outorgábanselle ás mulleres, por parte da
Xunta Directiva, determinadas tarefas seguindo os criterios dos costumes
imperantes da época como reza o artigo 2º do Título 9º: “Será de sus atribuciones la elección de una señora adornada en virtudes
y conocimientos útiles, a quien se entregue esclusivamente el cuidado de las
jóvenes Señoritas que actuen en la Escena, su entera direción en el cantado, declamación
lírica y más ramos anexos” e tamén
dedica un artigo no título dos Directores de escena os que se preocuparán de “las atenciones, gracias y obsequios debidos
a las Señoras que actuen en la Escena”.
Nesta listaxe asinan os mesmos que logo
aparecen na lista de socios. En 1843 houbo efectivamente un revés moderado
liberal de aí que os nosos estatutos se preocupen de que todos os sectores da
sociedade da vila estean presentes, en especial, os seus círculos de poder. Aquela
tarde do 20 de xaneiro concluía unha serie de debates que comezara talvez cando
Ramón Abaunza dera o aviso ao alcalde de que xa tiña nas maos o borrador que
lle entregara Joaquín del Pino, o seu cuñado, e redactaran xuntos Enrique e
mais el. Tomás Fernández, o pai de Morales e tamén Isidoro Ovalle foron os
encargados entusiastas de convocar á reunión fundacional nas salas do propio
Consistorio. Na xuntanza acordaron quen serían os cargos directivos ademais de
aprobar os estatutos e a súa publicación nunha tipográfica da Coruña, xestión
da que se encargarían de supervisar ben D. Juan de la Mata Alvarado, ou ben
Luis Toledo, residentes naquela cidade.
A Sociedade de Teatro imita a outras sociedades
existentes en capitais referenciais e coñecidas para algún dos seus promotores vilafranquinos.
Valladolid e Madrid están na mente de todos, unha como centro da Corte, a outra
como destacada capitalidade provincial onde a vida teatral presenta un vigor
particular. Pero é evidente que, detrás desta iniciativa, o principal motivo é
o de procurar para a nosa vila “os
honores de ciudá” como diría Morales que camiñan á par do desexo de lograr
a capital de provincia perdida e sempre soñada. Temos que ter en conta que pola
súa parte ese mesmo soño o tiña Ponferrada e esa pendencia teimuda entre os
bercianos do XIX fomentará unha carreira na que, esta última, levaba certa
vantaxe. Contaba cun espazo teatral avellentado adxunto ao cárcere que
finalmente en 1841 se debe desaloxar e unha “Sociedad de Teatro de Ponferrada”
como acreditan os irmaos Carro Celada, autores dun interesante estudo do Libro
desta Sociedade que vai desde a fundación en 1826 ata o ano 1861. Neste estudo
se ofrecen os pormenores da construción dun novo teatro que se deberon con toda
seguridade acelerar ao saber que Vilafranca se dispuña a inaugurar o seu en
1843. De aí que sexa este mesmo ano no que se inicien as obras sen demora para
que os ponferradinos conten cun novo espazo escénico no “tramo de San Agustín
desde el mediodía” do que P. Madoz dirá: “Un teatro construido de nueva planta en 1845 con tres
órdenes de palcos sostenidos por columnas de hierro colado.” Por aquela sociedade ponferradina de teatro pasarán en distintos momentos
personaxes tan coñecidos como Pascual Fernández Baeza, José Fernández Carús, Isidro Rueda, Mateo
Garza ou Lorenzo Fuentes, todos eles cun perfil claramente liberal. Non podemos
asegurar que tivera algún contacto coa citada Sociedade o propio Gil y
Carrasco, aínda que os autores do traballo así o aventuran dicindo, sen máis
detalles nun parágrafo algo confuso, que nas súas actas consta o seu nome e
sinatura, cuestión que polo de agora non puidemos contrastar (19).
Parece, iso si, que o irmao de Enrique, Eugenio Gil, figura na Junta
directiva sendo o seu presidente Antonio Valdés, en 1857, ano no que ademais se documenta unha colaboración coa “Sociedad
de Teatro de Villafranca” que se produce cando anuncia esta última a súa
intención de asistir en masa á representación “Isabel la Católica”. Os ponferradinos deciden ofrecer asentos e
entrada gratuíta aos asistentes vilafranquinos como mostra do “buen deseo de armonía que anima a
Ponferrada con su vecina Villafranca”.
Dando un repaso a actividade teatral do século XIX, comprobamos que as iniciativas dramáticas das dúas vilas máis importantes do Bierzo non son unha excepción, León, Zamora, Valladolid (20) tamén experimentan un fervor semellante ao longo do século. Así, postos a imaxinar como serían os recursos cos que contaban estes espazos culturais, consultamos traballos como León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, unha tese doutoral de Estefanía Fernández García (1997) na que aparece un curioso inventario do “Teatro Principal” de León tamén chamado “del Ayuntamiento” que, segundo parece, ocupaba o espazo do antigo “Patio de Comedias” e que desaparecería a comezos do século XX (1919). Cítase este teatro casualmente en 1843 no que o empresario Vicente Fernández solicita permiso para realizar obras de mellora sendo logo inaugurado no 1846 como indica Madoz que o sitúa na de Praza San Marcelo ao lado da casa municipal (21). Tamén naceran teatros en Astorga, Valencia de Don Juan e La Bañeza. Este estudo pode dar unha idea dalgunhas das compañías que puideron encher a escena berciana, e, en concreto en Vilafranca, das que non puidemos atopar outras referencias. Aínda que Ponferrada non conserva o edificio do seu teatro romántico, como fixo Vilafranca, resulta moi interesante a información que se conserva do libro de actas da súa “Sociedad de Teatro” valiosa información coa que non contamos no caso do teatro vilafranquino.
Un anexo aos Estatutos, que se corresponde coa
derradeira folla do documento, aporta unha serie de nomes (véxase a
ilustración) dos que tentaremos facer un breve comentario, pois a lista
resulta especialmente significativa e esclarecedora dese ambiente político e
cultural que respiraba a antiga capital do Bierzo e promovía esta actividade.
Baixo
o epígrafe: LISTA DE LOS ACTUALES SOCIOS enuméranse 42 socios aos que se suman
outra con 9 “socios corresponsales” distinguidos
persoeiros, entre os que figuran D. Enrique Gil e D. Antonio Fernández Morales.
Aínda que está por determinar un plano detallado das relaciois que mantiñan Gil
e Morales cos demais socios que aparecen citados no documento da Sociedade de
Teatro, é evidente que esa relación existía e que había intereses comúns que os
movían a todos eles ata o punto de apoiar unha institución de grande
importancia para a vida cultural e proxección desta vila berciana que seguía
aspirando a ser cabeza dunha provincia, actividade que, como é ben sabido, non
pasaba desapercibida máis aló da contorna.
Que a lista de “socios corresponsales” foi meditada e estaba ben pensada
e deseñada, non cabe ningunha dúbida. Parece obvio que nela non podía faltar
Gil y Carrasco, por ser o autor máis destacado da vila e do Bierzo nese
momento, o que indica ademais que o escritor non renegaba, como se ten
afirmado, da súa vila natal. Pero, por que aparece inmediatamente despois
Fernández Morales? Ganduxemos as hipóteses de por qué o noso capitán con 26
anos de idade está na lista, por que contaron con el? Unha primeira e principal
causa certamente é ideolóxica: ser un destacado activista do liberalismo;
outra, sería a literaria, en realidade
está ben próxima a anterior, podémola intuír, pero seguramente o Morales
escritor, aínda non despuntara. Finalmente, a súa brillante carreira militar a
ninguén pasaba desapercibida.
Seguindo o
rastro destes fíos observemos certos pormenores de interese sobre esta lista de
socios que nos permitan certificar o que dicimos, non sen antes advertir que
nos deterémonos só nunha parte dos 42 socios citados.
O primeiro
dos nomes, o que encabeza a lista, é o Alcalde de Vilafranca, recentemente
elixido na liña do liberalismo moderado ao igual do que rexentaba o poder na
Corte. Non é casual que sexa o primeiro, na propia lista indícase con
maiúsculas o seu cargo: D. Jacinto
Meneses, PRESIDENTE. A seguir, os tres nomes dos cargos directivos que non
pertencen á Corporación municipal: D.
Agustín Pío Téllez, CONTADOR, D.
Antonio Santos Burillo, SECRETARIO e D. Manuel Díaz Maroto, DEPOSITARIO,
que resultan ser destacadas personalidades e, máis cedo que tarde, ocuparán cargos de peso en distintos postos
relevantes. Agustín Pío Téllez era deputado provincial nese momento e, pouco
tempo despois, no ano 50, aparece acompañando a Tomás Iglesias Barcones, home
este natural de Vilafranca e abade da súa Colexiata, que chegaría a bispo de Mondoñedo
(antes de ocupar máis altos cargos) cara a onde se despraza ao parecer
acompañado do propio Agustín Pío Téllez que exercerá de profesor do Seminario
Mindoniense e, do que sabemos que, un
ano despois, sería secretario do Gobernador eclesiástico eilí mesmo. Por outro
lado, Antonio Santos Burillo, o secretario arquiveiro da Sociedade de Teatro,
nese mesmo ano 1843, estaba a promover precisamente unha institución de
ensinanza na vila. Na acta municipal del 15 de febrero de 1843 di: “ Se leyó con el mayor gusto la esposición q
hacen a este ayuntamto los sres. D.
Pedro Ildefonso Oballe, abogado de los Tribunales nacionales (tamén
incluído na lista de socios) y D. Antonio Santos Burillo, profesor de
matematicas, revelando la ilustrada idea de constituir en esta villa un
estableciento de enseñanza que abrace bajo una misma dirección la Instrucción
primaria, la de Latinidad y la secundaria.” O Depositario da Sociedade Manuel Díaz Maroto era administrador de
rendas desta vila, como consta nas actas municipais do ano 43. Lembremos que no
ano 1842 participara na cea co Infante Francisco de Asis pois daquela ocupaba o
cargo de comandante da Milicia. A aquela cea tamén asistira como invitado o
seguinte na lista, D. Ramón Valcarce y Núñez, que nas actas municipais da vila parece
estar no goberno municipal, ademais de ser tenente da Milicia Nacional. Nunha listaxe dos individuos para
facer o servizo á Milicia Nacional de Infantería desta vila en 1838 aparecen
citados, entre outras moitas persoas, practicamente a totalidade 42 socios
(22).
A partir deste nome non sabemos con precisión se a
lista segue unha orde lóxica. Non garda a orde alfabética, non sinala ningún
tipo de cargo ou distinción, parece unha serie de nomes caprichosa que ben
puidese seguir un criterio tan simple como o da inscrición no rexistro de
socios. O perfil dos socios é o
esperable: profesiois liberais, ligados ás milicias e ao goberno
municipal. Así o seguinte será D.Vicente Terrón y Molée, un doutor que
antes de exercer na nosa vila foi o autor dun artigo Sobre la tos ferina y la angina membranosa e parece estar destinado
en Cebreros (Ávila) que é onde asina a columna do Boletín de Medicina, Cirurjía
y Farmacia de 1836 (nº 87 editado en Madrid).
Logo vén Fernando Garlanza,
que pertencía ao ramo da xudicatura, era avogado e xuíz de primeira instancia (tamén ligado ao xulgado
vilafranquino está outro dos socios que se cita máis abaixo Antonio Pérez, promotor fiscal), e a seguir está Tomás Fernández Garrido, o
sétimo da lista de socios. Trátase do pai de Antonio Fernández Morales. Ademais
de boticario, era membro da Milicia e non nos cabe a menor dúbida de que foi un
dos impulsores máis entusiastas da
iniciativa. Tal er ao seu interese que logrou finalmente, que o seu fillo,
ausente da vila, estivese involucrado na Sociedade. O seguinte na lista é Joaquín Saavedra Ossorio un home moi influínte, outro destacado
militar liberal que sabemos dirixe a milicianos vilafranquinos contra a facción
valdeorresa de Os Carballos de 14 homes interceptados en Visuña 1834,
colaborador durante dous anos do axudante do Capitán Xeral de Galicia,
Francisco Sánchez Gil, e a súa Compañía de Cazadores asentada na vila para dar
resposta ás liortas carlistas (23). Por suposto, el tamén estivo o 10 de xullo
de 1842 na cea co Infante D Fco. de Asís María, que pernoctou na vila o día 11
de xullo. Hai persoeiros que pasarán pola alcaldía de Vilafranca e mesmo
serán deputado provinciais, como Ramón Abaunza; homes que veñen
participando da política local como Manuel
Quevedo, membro da corporación municipal no ano 1842 e avogado acaudalado, Aniceto de Landejuela, un dos rexedores
do goberno da vila, Alejandro Balbuena, tamén membro da corporación anos despois e
está igualmente o actual secretario
da corporación, Carlos Pérez y Novo.
Entre os socios sinalamos a continuación a dous
senlleiros persoeiros, dos máis firmes partidarios da capitalidade da Provincia
para Vilafranca. Efectivamente as actas municipais do ano 1842 e 1843 deixan
constancia do vigor deste “asunto de la capitalidad” para o que se segue
convocando aos “notables”, recíbense adhesións con intención de sumar
territorios á nova provincia, como por exemplo a do “Ayuntamiento de Caldelas”,
realízanse diversas xestiois fóra da vila
como as que se agradece fixeran entre outros “los sres diputados Mauricio García y Román Obejero”, ou do
pronunciamento do Capitán General de Galicia, ademais do “arzobispo de Valencia, Pelegrín José
Saavedra” quen precisamente formará parte do elenco fundacional da Sociedade de
Teatro. É por iso polo que é doado
establecer unha relación entre esta
iniciativa teatral e a de facer posible e afianzar esa aspiración dunha
provincia para o Bierzo. O primeiro dos
personaxes a destacar é Apolinar Suárez
de Deza, señor de Láncara, que daquela comeza a destacar nas filas do
moderantismo local. Suárez de Deza participara directamente, durante a rexencia
de Espartero en 1841, na defensa da capitalidade de Provincia para Vilafranca
concorrendo á solicitude co apoio da comarca de Valdeorras onde tiña gran
influencia. Logo chegará a ser senador
provincial, no ano 44-45, nas prazas do Senado que lle correspondían á
provincia a títulos nobiliarios afiliados ao sector moderado. A influencia de
Suárez de Deza aumentaba daquela coa adquisición de bens desamortizados no
Bierzo. Isto parece indicar que as vellas familias nobiliarias e fidalgas da
provincia retoman un papel protagonista no plano político do que permaneceran
ausentes durante os tres anos anteriores. A derrota total dos progresistas,
tras o movemento revolucionario de outubro dese mesmo ano de 1843, xunto co control absoluto das instancias
locais, permitirá este xiro conservador
do réxime liberal.
O outro personaxe é Santiago Capdevila que xa no ano 1842 formaba parte da corporación
municipal como rexedor sexto, á que se incorpora no mes de abril como
certifican as actas municipais, por non podelo facer antes, debido a súa
estancia en Barcelona. Era un comerciante de panos que se instala na Praza da
Constitución con Ignacio Herrero no 1834. Era esa burguesía activista que se
implica e que abraza a causa da capitalidade para Vilafranca como queda patente
pola súa pertenza á Sociedade de teatro en 1843, pero tamén porque lidera o
asunto da capitalidade anos máis tarde no bienio progresista (1854-55), cando
os sectores conservadores comezan a ver no aillamento da comarca un xeito de
manter os seus privilexios.
Ademais de militares liberais, de convencidos
provincialistas, os rendistas máis ou menos moderados e os sectores puxantes da
burguesía local, podemos incluír entre os socios do Teatro a certos
intelectuais locais entre os que sen lugar a dúbidas destacaríamos a Isidoro Andrés Ovalle, que coñecemos
como autor de varios artigos xa na década dos 60 en El Esla e tamén polo seu poema Recuerdo
a Puentedeume (en dialecto berciano), aínda que en 1843 era un recente
licenciado que acababa de chegar de Valladolid onde estudara Leyes.
UN PRESTIXIOSO GRUPO DE SOCIOS: OS SOCIOS CORRESPONSALES
O primeiro na lista é D. Pelegrín Saavedra, cremos que se trata do irmao de Joaquín
Saavedra, unha familia afincada en Vilafranca e que aparece citado na crónica
xurídica do 1839 como membro xudicatura que pasa de Toro a Logroño. Nas actas
municipais vilafranquinas cítase como Arcebispo de Valencia en 1842 e máis
adiante será un dos promotores do camiño de ferro en Alicante en 1844. En 1848
será nomeado supernumerario Caballero de la Real orden de Carlos III.
O segundo, D.
Enrique Gil é o noso poeta romántico, autor da novela El Señor de Bembibre que se publica por entregas en prensa ese
mesmo ano de 1843, e aínda que, tras nacer na vila, logo se mudou coa súa familia
a Ponferrada e a pesar de que certos estudosos
reiteran que non tivo máis relación coa súa vila natal, eiquí temos un
dato que o contradí. En 1843 Gil atópase
entre a nómina de autores que colaboran
nun compendio colectivo de artigos costumistas titulado Los españoles pintados por sí mismos, y aparecen en El Sol, los escritos que
formarán o Bosquejo de un viaje a una provincia de interior, redactados no
vrao do 1842. Ofrece ao editor Francisco de Paula Mellado a súa novela El Señor de Bembibre. Ademais de
ser columnista en El Laberinto,
revista fundada por Antonio Flores, desde novembro do 1843 ata que marcha a
Berlín en abril de 1844, como diplomático do goberno de González Bravo, último
destino da súa curta existencia asediada, nestes últimos anos, pola
enfermidade. Morreu un 22 de febreiro de 1846
e hoxe os seus restos, despois dunha expatriación azarosa e digna de
mención, repousan na vila en que naceu na igrexa de San Francisco, onde as súas
sombras descansan para sempre, caprichos do destino, á beira das fantasmas dos
Condes de Lemos, D. Pedro e dona Beatriz,
que foran antano soterrados neste templo. Sería todo un cumprido que no
bicentenario do seu nacemento a súa vila natal decidise finalmente darlle o
nome de Enrique Gil y Carrasco ao Teatro que el axudou a fundar.
O terceiro da lista, como xa se ten dito,
é D. Antonio Fernández Morales, o
autor dos Ensayos poéticos en dialecto
berciano (1861). Este autor garda
con Vilafranca e co seu teatro unha relación ben próxima e transcendente. Aínda
que non coñezamos ningún do seus ensaios dramáticos, podemos asegurar polos
poéticos que gozan dun gran achegamento ao xénero teatral pois os diálogos son
a fórmula frecuente, encomiable e áxil que escolle e resolve con destreza. En Vilafranca descubriuse como autor grazas a
insistencia de Mariano Cubí, como quedou dito. E, sen aminorar a presenza do
Cacabelos onde repousan os seus restos, ou de Ponferrada, lugares aos que
ecuanimemente cantou, as xentes daquela vila franca, garrida, sencilla, os seus costumes e os da súa contorna
terán unha fonda pegada nos seus versos. Morales, vén a ser como o reverso
literario da moeda máis valiosa da creación poética do Bierzo do XIX e cuxa
cara é Gil y Carrasco. Por iso faise tan absurdo como inxusto esquecer a súa
valente aposta pola fala popular, silenciando así tamén un baluarte esencial da
nosa identidade como bercianos.
Outra personalidade pouco coñecida e certamente
relevante neste asunto do Teatro é D.
Joaquín del Pino, nacido en León, pero vinculado a Vilafranca, de onde era
a súa nai. O seu interese por Vilafranca quedará patente, ademais de por estar
ligado á fundación da Sociedade de Teatro, por unha serie de acontecementos
como o da construción dun ramal de ferrocarril de Toral a Vilafranca do Bierzo.
Mantén unha ligazón importante coa súa vila natal, onde tiña familia, a pesar
de residir habitualmente en Madrid. Nos
círculos literarios da corte madrileña era coñecido como un amigo íntimo de Enrique Gil y Carrasco, mesmo despois da
súa morte. Lembremos que será un dos editores da súa obra. Tras casar coa filla
do Marqués de Montevirgen a súa influencia política medrou substancialmente.
Será escollido deputado na década dos 70 por León como tamén o será Fernández
Morales. Está soterrado no cemiterio de Vilafranca do Bierzo (24).
Imos permitirmos como licenza saltarmos
ata o sétimo da lista para colocar inmediatamente despois de Joaquín del Pino
ao seu estimado amigo D. Pío Castañeda.
Da súa gran amizade existe abundante documentación e as actas municipais dan fe
delo. Pese a que a Deputación provincial de León data de 1813, Pío Castañeda considérase o seu primeiro
Presidente nomeado en 1871. A pesar do seu cargo, foi un dos maiores baluartes
de Vilafranca en todo momento e defensor da súa capitalidade a mediados do XIX.
O quinto da lista é D. Juan de Mata Albarado (ou Alvarado). Foi Xuíz de primeira
instancia en Vilafranca ata o ano 1839 coa que mantería unha relación fluída
por un tempo. En 1843 formaba parte do
Tribunal da Real Audiencia da Coruña e no ano 1844 foi un dos maxistrados do
coñecido caso do lobishome galego, Manuel Blanco Romasanta. Ningún maxistrado,
a excepción de Juan de Mata Alvarado
repetiría a sentenza que, segundo Rúa Figueroa, tivo a ocasión de xulgar
dúas veces ao mesmo reo e as dúas
condenalo a morrer no garrote, aínda que finalmente sería indultado pola
raíña. D. Luis Toledo é o
persoeiro que pecha a lista de
“socios corresponsales”, fora sarxento da Milicia Urbana (así consta en 1835) e
un ano antes
a inauguración do teatro e da presentación da súa flamante Sociedade vivía en
Vilafranca. Debeuna abandonar por pouco tempo para desempeñar un cargo que non
puidemos determinar á Coruña para regresar de novo pois nas actas do 1844
figura como membro da corporación municipal.
Finalmente forman parte desta curiosa lista dúas
persoas que están nela a pesar de non nacer, nin vivir en Vilafranca. Pero si
residen no Bierzo, a uns quilómetros da vila e do seu teatro, o que lle outorga
a Sociedade un dándolle un verniz panberciano. D. Manuel Cardeña, debe ser Manuel Cardeña y Heredia, rico e nobre
cabaleiro vecín de Cacabelos, que segundo apuntaba no ano 1957 Mariano Enríquez nas Notas Históricas del Bierzo,
recollera no ano 1854 a tradición
relativa á Virxe da Angustia dicindo
"que fue encontrada la imagen al
sacar el descomunal lagarto de su madriguera y darle muerte los vecinos de
Cacabelos por los daños que causaba en los ganados y demás". A esta
virxe cantaría máis tarde Fernández Morales nun poema que encabeza os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano.
Se cadra foi el ou o seu padre, que fora boticario en Cacabelos, quen o invitou
a participar desta Sociedade vilafranquina.
O outro personaxe é D. Lorenzo Fuentes, quen figura xa en 1830 como intérprete, pintor
e decorador na Sociedade de Teatro de Ponferrada da que será presidente en 1867
momento que dita asociación sufrirá unha profunda crise que a leva á
desaparición. A súa relación con Vilafranca debía ser fluída posiblemente pola
afinidade ideolóxica con personaxes desta vila. As dúas Sociedades de Teatro, a
de Ponferrada e a de Vilafranca, responden a unha mesma etapa, a romántica, e a
mesma estratexia: a de consolidar unha ferramenta con grandes posibilidades de
transmitir ideas, de remover conciencias e creación dun novo espírito entre as
xentes. De aí a aposta dos políticos liberais que tanto en Ponferrada, como en
Vilafranca impulsan e arroupan o seu nacemento. Lorenzo Fuertes, un dos
artífices da construción dun novo teatro en Ponferrada no antigo convento dos
Agustinos. Xa sinalamos que non era casualidade que fose no mesmo ano no que se
estaba a estrear o novo espazo escénico en Vilafranca. O achegamento deste
ponferradino á Vilafranca é unha demostración que existía certo espírito
conciliador. Como se demostra tamén nunha anécdota que protagonizan ambas
Sociedades en 1857. Dito episodio supón ademais unha proba da pervivencia e
vitalidade da Sociedade de Vilafranca que organizou unha visita a Ponferrada á
representación de “Isabel la Católica”, á que asiste case en masa sendo
obsequiados pola Sociedade de Ponferrada con refrescos e outros agasallos.
Daquela a de Ponferrada sabemos levaba tres anos de “desgana”. Non lle
faltarían a vilafranquina etapas de desidia cousa habitual en calquera
asociación, aínda que non podamos certificalo ao descoñecer o paradoiro do seu
libro de actas. Lorenzo Fuentes será o
presidente e director de escena da Sociedade Ponferradina dende o ano 1861 e a
súa filla logrará un máis que éxito notable polas súas interpretaciois, como a
acadada na do Macías de Larra (25).
Que estea Gil nunha iniciativa do liberalismo
moderado encaixa perfectamente no seu ideario político e contribúe, ademais de
reafirmarse como home de teatro, a definir por un lado os seus ideais
políticos, porque este tipo de acciois ían encamiñadas á incorporación dun
elemento esencial da propagación da cultura. Como lembra M.A. Varela en Un hombre de teatro llamado Enrique Gil “buena
parte de las ideas de Gil pueden extraerse de las opiniones dispersas en los
artículos de crítica literaria y, especialmente, de las teatrales. El teatro,
un género que es la expresión literaria más completa de la época presente, la que más
influjo está llamada a ejercer sobre la actual sociedad”. O 14 de novembro
de 1838 o noso autor, nunha das súas críticas teatrais, insistía esperanzado en
ver o teatro “como único medio que nos resta de comunicación directa con las masas,
es el que queda en posesión de tan preciosa prerrogativa” posto que “ la discusión parlamentaria versa en general
sobre los intereses más que sobre las ideas... la prensa periódica, perdida
entre los debates y enconos de los partidos... no inocula el germen del
sentimiento en el corazón del pueblo. Las escuelas y colegios tampoco aciertan
a formar otra cosa que la cabeza, desacordando de este modo las facultades de
nuestro ser. El púlpito...tampoco ejerce la saludable influencia que con tanta
justicia le mereció en otro tiempo la iniciativa social” (26).
De entre esas ideas de renovación social que Gil
defendía emerxe con forza unha. Gil certifica o seu compromiso pola terra natal
e polas aspiraciois provincialistas dos bercianos ás que el mesmo, como
escritor recoñecido da época, aportará algo que outras persoas non podían
ofrecer como é: poñer en valor a terra berciana a través dos seus artigos nas
revistas máis prestixiosas da Corte. O seu apoio á causa da Provincia consiste
nesa firme convicción de centrar o seu discurso literario na súa terra,
converténdoo na súa constante fonte de inspiración, tanto en prosa coma en
verso.
Que Morales sexa un socio destacado nesta lista
tamén nos axuda a entender a evolución ideolóxica deste outro grande autor e da
dimensión real do seu bercianismo. O que daquela era capitán de infantería e un
convencido isabelino, estaba instalado nun liberalismo moderado, que
seguramente acaíalle mellor ao ideario do seu padre, como de feito comprobamos
se seguimos a súa traxectoria vital. Non tardaría en abrazar, sen medias
tintas, o progresismo e mesmo o ideal
republicano. Non nos cabe ningunha
dúbida tampouco do seu compromiso coa terra a que cantou e a reivindicación da
causa da Provincia, como os seus versos máis citados deixan entrever naquel
poema dedicado á capital histórica do Bierzo:
Cual tesoro q´a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta.
Do poema Villafranca
y a vendima
![]() |
Un dos paneis informativos sobre a fundación do Teatro de Vilafranca. |
A MODO DE EPÍLOGO
Se o documento base do presente traballo é unha
primicia que constata a presenza dunha iniciativa loable na vila de Vilafranca
do ano 1843 e ofrece unha data concreta para a fundación do único teatro
romántico do Bierzo e de León que segue en funcionamento na actualidade, ten
ademais outra compoñente non menos importante a de ter entre os seus fundadores
a dous autores, ambos cantores do Bierzo por excelencia, un en galego o outro
en castelán, que no conxunto da súas composiciois nos transmitiron a
transcendencia da nosa terra, dos seus costumes, das súas linguas ou dialectos.
Un triplo desexo para concluír. O primeiro
dirixido ás autoridades locais. Por ser Gil, o autor de crítica teatral máis
destacado do momento, natural de Vilafranca,
neste ano Romántico propoñemos novamente que sexa Enrique Gil y Carrasco quen lle dea nome ao Teatro de
Vilafranca que ata hoxe en certa maneira permaneceu anónimo como á espera deste
recoñecemento tan fermoso como emotivo agasallo da súa vila natal no seu
bicentenario. A proposta está feita coa intención de reforzar así tamén o seu
potencial futuro que ten como fundamento a experiencia pasado e o vigor co que
mantén no presente a actividade cultural da que todo berciano recoñece como
capital histórica e da cultura do Bierzo.
Outramente o segundo dos desexos quixeramos facelo
chegar ás autoridades autonómicas e estatais. Esperemos que estas palabras sirvan
para poñer en valor un espazo único na nosa comarca. Poucos como este hai na
Comunidade de Castilla y León e cremos que é de xustiza que figure entre os
arredor dos 80 teatros españois do século XIX que aínda están en pé, a maioría
fundados con posterioridade ao noso. Reclamamos, pois, que as autoridades e
responsables de Patrimonio teñan a ben intervir na restauración respectuosa que
este teatro singular e emblemático merece, e, aínda que o Bierzo non se
configurase como Provincia (si como unha
comarca) soubo na súa capital histórica conservar en activo este teatro desde a
súa fundación ata os nosos días. Debería incorporarse definitivamente a ese
selecto grupo de espazos escénicos considerados monumentos históricos a
preservar, consideración que teñen xa teatros das grandes capitais do Estado,
os impostos e os investimentos deben ser descentralizados e chagar a todos por
igual.
O derradeiro dos desexos é o máis doado de
cumprir, aínda que non é menos laborioso. Vai dirixido a nós mesmo ou a
calquera amante da cultura e do teatro no Bierzo. Quixeramos abordar unha
investigación que servise para elaborar unha memoria dos máis dous séculos e
medio de vida deste singular espazo, un repaso detallado dos eventos máis
significativos que se viviron no Teatro vilafranquino, unha lembranza dos
autores, actores, obras representadas, (ou máis tarde proxecciois
cinematográficas de cando foi explotado e cedido como cine a unha empresa
particular, sen deixar de cumprir os seus compromisos como teatro) e todo un
sen fin de experiencias parateatrais, conferencias e iniciativas que se
produciron nestes 272 anos de existencia.
Estamos convencidos de que ese retrato
ofrecerá unha panorámica fiel e peculiar do fluír cultural do Bierzo, pois se
para a súa fundación comprobamos que se logrou unir un elenco tan destacado do
mundo intelectual do século XIX, se pasamos ao XX veremos saír e entrar deste
teatro, a partir da renovación efectuada en 1905 a personaxes como Policarpo
Herrero, un dos máximos accionistas daquelas obras comprobando como Demetrio
Monteserín pintaba un magnífico telón de estilo neoclásico e o mural que loce
aínda hoxe a parede frontal sobre o escenario aconsellado quzais polo tamén
artista Primitivo Armesto. Entraría logo “pra o baile que tein despois dos teatros
nos salois” un Carnicer que aló polos anos 20 participaba como un máis da
“democrática marabunda de la que salían cuentos y preñeces para todo el año”
que efectivamente el narraría nunha Róbriga moi vilafranquina na que había un
teatro que elevaba “hasta el escenario el nivel del patio de butacas”. Unha
longa nómina de autores nacidos na “cidade dos poetas” como denomina Mestre a
Vilafranca farán acto de presenza, uns recitando ou contando en castelán, como
Antonio Pereira, ou escribindo obras pra representar en galego, como Ramón
González-Alegre. Asomaranse a el escritores e activistas culturais do Bierzo
que invitan a coñecer este teatro a outros non nativos, así pisarán as súas
táboas poetas, como Gamoneda, galardoado co Premio Cervantes, ou académicos das
Letras galegas, como Méndez Ferrín que veu en sesión plenaria para homenaxear
ao ilustrado galego e berciano Martín Sarmiento, natural desta vila (27).
Tantos homenaxes, tantas e tantas celebraciois e facetas que recordar, como a
da música e dos músicos que por eiquí pasaron, non en vano é o noso veciño, un
compositor tan relevante para este século como Cristobal Halfter. Pero non adiantemos acontecementos e deixemos
esta crónica do teatro vilafranquino xusto no seu inicio no ano 1843 un 13 de
xullo de 1843 cando se celebra en Vilafranca e no seu teatro a festa da maioría
de idade de Isabel II, crónica que esperamos poder iniciar tras do Congreso Internacional Enrique Gil y
Carrasco y el Romanticismo que precisamente o próximo 15 de xullo vai iniciar
as súas sesiois neste Teatro romántico.
NOTAS:
(1) Nacera a raíz da nosa comunicación, aínda inédita,
titulada : Morales e o Rexurdimento do
galego no Bierzo que tivo lugar no
transcurso da VI Escola Permanente
Fermín Penzol que organizou a Universidade de Vigo e que se desenvolveu
entre o 7 e 8 de outubro do ano 2011 nas localidades de Cacabelos e Ponferrada.
Debemos indicar (xa que é o centro de interese deste traballo) que
lamentablemente non se realizou ningunha sesión do evento no teatro de Vilafranca
debido a unha torpeza dos organizadores e das autoridades locais.
(2) A nosa comunicación no próximo Congreso Gil y Carrasco que se desenvolverá a partir do 15 de xullo
do 2015 na súa vila natal e que logo, de xeito itinerante, pasará por Bembibre
e Ponferrada, terá precisamente como fío
condutor a traxectoria en paralelo de ambos bercianos e pretende desentrañar a
transcendencia da amizade destes dous personaxes, que ata o de agora era, en
gran medida, para os estudosos pouco relevante como consecuencia de descoñecer
a súa verdadeira dimensión.
(3) Habitualmente, Morales utiliza o nome de “Villafranca”,
así como tamén a palabra “villa”, pero seguindo os criterios de coherencia
filolóxica que levaron ao Padre Sarmiento a usar a grafía procedente do dobre
-ll- latino, como un -l- simplificado, por exemplo para dicir “vila” ou
“Vilela”, do mesmo xeito, nós usamos a de “Vilafranca” seguindo ao polígrafo erudito natural do
Bierzo e nacido nesta vila. Tamén evitamos usar os apóstrofos típicos do XIX que
usaba Fdez. Morales así como unha chea de castelanismos e formas verbais que
regularizamos. Colocamos acentos gráficos cos criterios do presente século
conservando os plurais en –ois e as palabras acabadas en –ao.
(4) Nun artigo moi interesante e revelador titulado: Una nueva mirada sobre la vida y la obra de
Enrique Gil y Carrasco, publicado no
2001 en edición do Archivo histórico parroquial de la Basílica de Ntra. Sra. de
la Encina, o seu autor, Vicente Fernández Vázquez, fai referencia a un litixio
que logo acredita cun apéndice documental onde personaxes sinalados do
liberalismo de Ponferrada acusan a Juan Gil dun desfalco dando conta da súa
peculiar traxectoria vital e o seu paso por Vilafranca “en donde fue (cuando aquella villa era capital) individuo de la
sociedad patriótica y solicitó la tesorería de la Diputación Provincial,
destino que no obtuvo por falta de fianza...” . os feitos aos que se fai
referencia ocorren entre os anos 1820 ao 1823, xusto antes de instalarse toda a
familia de Gil en Ponferrada, onde ten lugar dita denuncia que se produce,
varios anos máis tarde, no ano 1831.
(5) Botamos en falta unha boa biografía deste autor e
tamén queda por abordar a súa obra desde
diversas perspectivas, a pesar de que contamos xa, grazas ao IEB, cunha
importante reedición dos seus Ensayos
poéticos en dialecto berciano en 2003, que inclúe aportes moi
significativos de J.A. Balboa, Anxo Angueira e Rosario Álvarez. Agora que xa
sabemos que foi posible, preguntámonos se coincidirían en Vilafranca ambos
cantores do Bierzo, Enrique e o noso
capitán (só dous anos máis novo que Gil) nalgunha desas estancias
temporais. Quizais nunca podamos saber se esa circunstancia se deu, pero
podemos imaxinar que de producirse este encontro, mesmo terían algunha conversa
de carácter literario digna de escoitar.
(6) As actas municipais pertencentes a ano 1842, que se
conservan no consistorio vilafranquino e que puidemos consultar por deferencia
da actual Alcaldesa de Vilafranca Conchi López Blanco e Concelleiro de Cultura
Luisma P. Gaztelumendi, certifican e detallan o paso pola vila do Infante na
data antedita.
(7) A Provincia que se chamou de Villafranca e que foi
proclamada no 22 de xaneiro do 1822, a pesar de que foi derrogada meses
despois, tras o regreso do absolutismo, oficiosamente se prolonga ata a nova
configuración do Estado aprobada no ano 1833.
(8) Pensamos que esta copia foi realizada nos anos 90 do
século XX e que lla fixo chegar ao meu pai, Héctor J. Silveiro Ares, a raíz
dalgunha das súas conversas sobre a historia local, un dos temas favoritos nas
dilatadas charlas e azarosos encontros de ambos interlocutores.
(9) O Século de Ouro da literatura dramática castelá con
autores tan prolíficos e coñecidos como Lope de Vega.
(10) Citadas nas páxinas 37, 38 e 39 do libro da nosa autoría Palillos de madeira. Os Xigantes de
Vilafranca do Bierzo editado pola Asoc.
Cultural Escola de Gaitas no ano 2010.
(11) Que se dá a casualidade de que é un familiar meu, dos
máis vellos que coñezo por vía materna.
(12) Con este tópico da humilitas ou de captatio
benevolentiae, o noso autor recoñece no Prólogo a insistencia decisiva de
Mariano Cubí para que a obra fose editada. Por outra parte, no segundo poema do
libro que lle dedica afectuosamente a Cubí, Morales descóbrese efectivamente un
escritor xa en galego berciano a altura do ano 1847, pois o poema coincide co
seu paso por Vilafranca, como documenta Ramón Carnicer no seu ensaio sobre o
controvertido personaxe editado no ano 1969 en Barcelona baixo o título “Entre la ciencia y la magia de Mariano
Cubí”, dedicando todo un capítulo a súa estancia en Vilafranca. Ese
capítulo, o número 12, foi confeccionado, como confesa Carnicer con máis
retranca que rigor, consultando unha única fonte bibliográfica: QUINDóS, Fermín: Memorias (manuscrito
inédito en poder del autor). Carnicer faise eco
tamén das palabras do propio Cubí na introdución ao libro que “enfáticamente, hace constar que acaso el
berciano habría nacido, vivido y muerto como individualidad idiomológica sin
tener ningún monumento escrito, a no haber él incitado Fernández Morales a
escribir sus ensayos poéticos”.
(13) De publicaciois como a citada logo se derivan outras na
prensa escrita ou na dixital como a
que tamén circula en concreto na
Wiquipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Teatro_Villafranquino, cando o Teatro
vilafranquino xa existía dende mediados do XIX. Esperamos que dito erro coa
documentación que aportamos sexa corrixido canto antes.
(14) Pódense consultar as páx. 113 e 117 da Guía de Villafranca del Bierzo editada
por Everest no ano 1984, cuxos textos son de Hernán Alonso.
(15) Véxase J.L. Picoche Un
romántico español, Enrique Gil y Carrasco na páx 46. Todas as referencias
biográficas citadas anteriormente están tiradas tanto deste libro como da súa
imprescindible e voluminosa tese doutoral, agás as referidas á Sociedade de Teatro
de Vilafranca que o hispanista francés descoñece por completo.
(16) Co obxecto de desentrañar os vínculos que unían a Enrique
e a Joaquín e que resultan especialmente significativos para comprender
determinados aspectos da biografía de Gil, estamos rematando a elaboración dun
estudo que esperamos vexa á luz no último dos libros da Biblioteca Gil y Carrasco que tan acertadamente dirixe Valentín
Carrera. Como precedente realizaremos unha pequena comunicación no Congreso Internacional Enrique Gil y
Carrasco y el Romanticismo, cuxas sesióis
terán lugar acertadamente no teatro vilafranquino.
(17) O goberno municipal, como se pode comprobar actas
municipais do 1842, vén de sufrir unha transformación adaptándose ao
moderantismo en voga no país.
(18) O antigo patrón de Vilafranca era San Sebastián, se ben é
certo que estaba a piques de nacer unha nova festa patronal que daría lugar,
pouco máis tarde, a unha serie de funciois teatrais asociadas a esta festa e
aos cuantiosos gastos que se sufragaban, en parte, con representaciois no
teatro como podemos comprobar nas páxinas nas que se analiza a orixe e evolución
das festas do Cristo no libro Palillos de
madeira, os xigantes de Vilafranca del Bierzo, anteriormente citado.
(19) No
texto publicado no nº 16 da revista Tierras de León, os autores, os irmaos
Carro Celada, comezan afirmando que Enrique Gil morrera en 1845, data que é
inexacta, logo non ofrece ningunha precisión, cousa que parece estraña polos
detalles que si aparecen noutros momentos e que, finalmente, nos fan dubidar da
certeza e correcta lectura do documento neste punto que queda pendente de
contrastar no documento orixinal do Libro
de actas de la Sociedad de Teatro de Ponferrada, ao que non puidemos
acceder.
(20) Narciso Alonso Cortés realiza un estudo moi notable da
actividade teatral da Valladolid do XIX.
(21) Facemos referencia das páx 71-72 e da páx. 84 da tese citada: León y su actividad escénica en la segunda mitad del
siglo XIX, de Estefanía Fernández García
(1997).
(22) Hai que indicar que neste mesmo ano de 1843, o 20 de
outubro, a Milicia Nacional se mobilizaría cara ao Hospital de Órbigo e León.
Esta mobilización ten que ver coa decisión da coalición
antiesparterista de proclamar a maioría de idade de Isabel, en canto esta
cumpriu os trece anos, en outubro de 1843, iniciándose así o seu reinado efectivo. A Milicia Nacional desde os sucesos de 1836,
na caída da Rexente María Cristina en beneficio de Espartero, participara
habitualmente contra as sublevaciois moderadas, en especial, contra o pronunciamento moderado de 1841 e contra o restablecemento do moderantismo nese mesmo ano de 1843. Sería seguramente a causa de que Narváez decidira a súa
disolución, encomendando máis tarde as súas tarefas á Guardia Civil, un corpo militar
creado pouco despois.
(23) Datos que proporciona Miguel J. García González na pax.
151 da Historia del Bierzo editada
polo Diario de León e o Instituto de Estudios Bercianos no ano 1994.
(24) Insistimos en que
este personaxe que se mantivo oculto en gran medida aos ollos dos estudosos de
Enrique Gil aporta unha serie de datos descoñecidos sobre o autor que, como
este que traemos eiquí, o de promover a Sociedade de Teatro en Vilafranca, resultan
de gran interese pois iluminan aspectos desenfocados, cando non deformados pola
crítica, polo que, como xa temos dito máis arriba, traballamos nesa análise
pormenorizada da relación de amizade de ambos bercianos considerados “irmaos
políticos”.
(25) A cita é do artigo Cuarenta
años de teatro en Ponferrada de Esteban e José Antonio Carro Celada, en Tierras de León, nº 16 páx. 42-58.
(26) Tiradas do Prólogo Un hombre de
teatro llamado Enrique Gil de M. A. Varela do Libro da Colección Biblioteca Gil y Carrasco dedicado á Crítica Teatral.
(27) Dito sexa de paso e moi sucintamente, por máis que haxa
quen aventure outra orixe distinta á berciana para Sarmiento, os lugares
propostos como o de Cerdedo, conservan libros parroquiais íntegros onde o nome
de Pedro Josef García Balboa non consta, polo que seguimos reafirmando a
certeza de que Sarmiento naceu no Bierzo.
BIBLIOGRAFÍA
ALONSO ABELLA,
H. Villafranca del Bierzo, guía da
Editorial Everest. León 1984.
ALONSO CORTÉS,
N. El teatro en Valladolid. Siglo XIX.
Versión dixital en PDF da orixinal de 1947.
ÁLVAREZ POUSA,
C. e COSTAS GONZÁLEZ, X.H. Escolma de
poesía berciana en lingua galega (1860-1960) edicións Positivas 2002
CARNICER, R. Entre la ciencia
y la magia de Mariano Cubí, 1969.
CARNICER, R. Los árboles de oro, Seix Barral 1962
CARRO CELADA,
E. y J. A. Cuarenta años de teatro en Ponferrada, Tierras de León nº 16.
FERNÁNDEZ GARCÍA, E. León y su
actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, 1997.
FERNÁNDEZ MORALES, A. Ensayos
poéticos en dialecto berciano, edición facsimilar co prólogo de Mariano Cubí i
Soler, e estudos de J.A. Balboa de Paz, Anxo Angueira, Rosario Álvarez, edición
do Instituto de Estudios Bercianos 2003.
FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, V. Una nueva
mirada sobre la vida y la obra de Enrique Gil y Carrasco, Archivo histórico parroquial de la Basílica
de Ntra. Sra. de la Encina, 2001.
GARCÍA
GONZÁLEZ, M.J. Historia del Bierzo.
Diario de León e Instituto de Estudios Bercianos 1994.
GIL Y
CARRASCO, E. El Señor de Bembibre. Volumen
VII, Colección Biblioteca Gil y Carrasco.
II Centenario 1815-2015, (2015).
MARTÍN
SARMIENTO, Fr. Colección de voces y frases gallegas, edición de J.L. Pensado,
Universidade de Salamanca 1970.
MESTRE, J. C.
e MUÑOZ SANJUAN, M. A. Historia secreta de la melancolía, estudo complementario
para El Señor de Bembibre. Volumen VII, Colección
Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario
1815-2015, (2015).
PICOCHE J.L.
Un romántico español: Enrique Gil y Carrasco. Ed. Gredos 1978.
PICOCHE J.L. Un
romantique espagnol: Enrique Gil y Carrasco. Tese doutoral en versión PDF da
Biblioteca Virtual Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario 1815-2015 versión
PDF do documento orixinal en francés da
Universidade de París 1972.
SILVEIRO
FERNÁNDEZ, H.M. Morales e o Rexurdimento do galego no
Bierzo
(texto inédito) da comunicación na VI Escola Permanente Fermín Penzol, Universidade de Vigo, 2011.
SILVEIRO
FERNÁNDEZ, H.M. Palillos de madeira: Os
Xigantes de Vilafranca do Bierzo Asoc. Escola de Gaitas 2010.
VARELA M. A. Un hombre de
teatro llamado Enrique Gil. Crítica
Teatral. Volumen IV, Colección Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario
1815-2015, (2014)
VV.AA. VI.
Antología de escritores bercianos, editada
polo Instituto de estudios Bercianos e o Exmo. Ayuntamiento de Ponferrada 2007.
WEBS:
MADOZ, P.
Diccionario geográfico-histórico-estadístico de España y sus posesiones de
Ultramar.1846-1850 http://www.bibliotecavirtualdeandalucia.es//catalogo/consulta/registro.cmd?id=6353
http://gl.wikipedia.org/wiki/Provincia_do_Vierzo.
Wiquipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Teatro_Villafranquino.
Comentarios
Publicar un comentario