A MORTEIRA
A Morteira da Pedra Cabalar (Teixeira) |
Seguimos coa teima e a iniciativa de encher o Mego das Palabras para reunir 1000 palabras máis para o noso Dicionario do galego do Bierzo. Hoxe traemos a este blog unha realmente curiosa que non aparece no Dicionario da Academia Galega, nin no Dicionario dos dicionarios do Instituto da Lingua Galega, pero si recolle nunha das acepciois o extraordinario Dicionário de Estraviz como veremos máis abaixo.
Dos vocabularios e léxicos editados no Bierzo tampouco aparece, aínda que o traballo do Léxico de la documentación berciana de Jesús García García cita na páx. 144 Mortaria, referida a "aqua mortaria "un pozo ou bebedoiro artificial para o gando e pastos comunais ou abertos" seguramente asociados a este tipo de pozas, algo mui semellante ao que podemos atopar tamén no Diccionariu da Llingua Asturiana que fala do substantivo mortera, la: sust. Estensión [de terrenos comunales de pastu con una reglamentación propia pal usu de los vecinos]. 2 Estensión [de praos, de campes de propiedá privada con determinaos usos comunales].
Curiosamente os nosos amigos/as da Asociación para conservación das árbores do Bierzo A MORTEIRA deixan claro o significado do concepto ao explicar o nome da Asociación. Tomárono d o léxico de tradición oral berciana de Ancares, Burbia e a Cabreira presente na toponimia local (A Morteira dos Camposos, A Morteira de Pedra Cabalar, Mortal do Oso, A Murteira de Vilar son alguis dos exemplos que aportan no seu blog) indicando un bosque ou fraga primixenia, escasamente modificado pola actividade humana, cuxa biodiversidade pervive nas cabeceiras dos vales. Esta conexión coa idea dun verxel é a que nos leva a decantarnos claramente por esta idea da morteira coma un viveiro, acepción que como dixemos recolle Estraviz no seu dicionario.
Pouco máis podemos engadir agás unha chiscadela dado o aparente paradoxo das palabras viveiro e morteira. A primeira ten que ver coa vida e o vizoso dos vexetais e morteira pola contra, segundo comentamos, parece distar un tanto do concepto da morte. Talvez derive de murtaria lugar onde medran os mirtos "myrtus communis", esa especie asociada a topónimos tan coñecidos polas hortalizas como Murcia que podemos relacionar doadamente co verde e o vigor vexetal e finalmente indicar que hai quen vincula este nome coa deusa romana Myrtea, pero dubidamos seriamente que sexa a festexada no mes de maio e denominada Bona Dea, deusa da fertilidade feminina romana da que se conta que tiña aversión precisamente ao mirto.
Comentarios
Publicar un comentario