UNHA FIGUEIRA DE IRMANDADE
Plantar unha árbore é sempre un xeito de reivindicar a vida, tamén un acto de amor pola natureza, que alguén o catalogaría mesmo dunha evidente rebeldía contra da lóxica do necrocapitalismo depredador, aparentemente tolo que hoxe nos goberna, ese que é xordo ao que a emerxencia do planeta, despreciando todo o que soe á ruralidade. Mais esta plantación que anunciamos, ademais de vida, amor e rebeldía ten unha compoñente simbólica a maiores como é a da irmandade literaria e de idioma entre a poeta que mellor representa a Galicia e o cantor do Bierzo en galego. Hai que facer notar ineludiblemente a figura do padrín escollido, o padre das Letras Galegas, de aí a data deste acto, no día do nacemento en Vilafranca do Padre Sarmiento. Platamos en Cacabelos unha árbore popular e humilde, pero que non é un mero adorno, unha figal, como por eiquí dicimos, ou, se se quere, unha figueira filla da que está plantada na Casa de Rosalía en Padrón, que aparece rodeada da familia da autora, nunha das últimas fotografías que conservamos dela (1884)
Benvida sexa esta nova presenza rosaliana nestas terras a través desta figal que medrará á beira do Cúa e que botará raíces na mesma terra na que descansan os ósos de Antonio Fernández Morales. Servirá para lembrar con agarimo a quen algún día, en Padrón, a plantara como deixou escrito nun dos seus poemas máis coñecidos:
"Miña terra, miña terra,
terra onde eu me criei,
hortiña que quero tanto
figueiriña que plantei."
Comentarios
Publicar un comentario