O Banquete de Cacabelos, a Escola Permanente Fermín Penzol e Morales
![]() |
A casa na que viviu e morreu Antonio Fernández Morales onde en 2011 se colocou unha placa conmemorativa con motivo da 6ª Escola Fermín Penzol. |
Naceu co novo milenio unha curiosa celebración de irmandade que non era máis que unha xuntanza de galegos e bercianos en Cacabelos coa loable intención de rescatar do esquecemento a figura de Antonio Fernández Morales. Foron estas persoas as que logo irían aparecendo en distintos eventos públicos nos que o noso autor ía gañando peso a medida que se ía dando a coñecer á sociedade berciana e galega a importancia da súa obra. A Quique Costas, profesor entusiasta da Universidade de Vigo ocorreuselle como nome desta celebración o de Banquete de Cacabelos, establecendo así un paralelo ideolóxico co famoso Banquete de Conxo a partir da evidencia de que se remataba sempre nunha comida na vila do Cúa. Agora si este banquete sempre ía precedido dunha visita protocolaria á tumba do comandante sita no cemiterio da Edrada, onde ademais das palabras na súa memoria, recitábanse versos do poeta e soaban na súa honra frecuentemente as gaitas.
Á calor de reuniois coma estas xurdiron outras iniciativas de gran interese como as que traemos hoxe eiquí. Falamos das distintas ediciois da Escola permanente Fermín Penzol que organiza a Universidade de Vigo que escolleu a figura do ilustre galeguista Fermín Penzol pola súa traxectoria e vinculación a distintos espazos do galego tanto no Eo-Navia e no Bierzo como tamén co propio Vigo onde se asenta a Fundación que leva o seu nome. Na procura dunha mellora das relaciois entre Galicia e as comunidades de Asturias e Castela e León comezou a andar este proxecto. De feito a primeira destas xornadas levouse a cabo en Ribadeo no outubro de 2005 para desprazarse ao ano seguinte outubro do 2006 ás localidades bercianas de Cacabelos e Vilafranca e incluír varias interveciois sobre Antonio Fernández Morales. Daquela o Banquete de Cacabelos ía xa pola quinta convocatoria.
Placa cos versos do autor colocada na tumba de Moarales con motivo da 2ª Escola Fermín Penzol (2006). |
A idea de percorrer todos os espazos de fóra de Galicia onde se fala galego a 3ª Escola Fermín Penzol tivo lugar en Lubián, Hermisende e a Póboa de Sanabria. A seguinte levouse a cabo de novo en Asturias para recuncar por segunda vez no Bierzo no mes de marzo do ano 2010 desta volta nas tres localidades ás que cantou en galego Morales: Cacabelos, Ponferrada e Vilafranca. Aquela edición da Escola non foi máis qu eun precedente para que ao ano seguinte se abordase unha nova edición, a sexta, outra vez no Bierzo, para celebrar o 150 aniversario da publicación dos Ensayos poéticos en dialecto berciano. De feito nesta ocasión a estrea das composiciois realizadas a partir dos versos de Morales e os seus recitados foron un dos obxectivos e dos éxitos logrados na procura da popularización do autor.
Botémoslle unha ollada ao programa que serviu para dar un paso definitivo na proxección no Bierzo da figura de Antonio Fernández Morales.
BREVE REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA 6ª ESCOLA FERMÍN PENZOL (2011)
Comentarios
Publicar un comentario