ESCAMBROIS, BRUÑOS E XARDOIS


 Están cuallaos de castaños,

de rebolos e escambrois,

e tein carreiros tamaños,

que os do país e os estraños

pasan neles apretois.

(Do poema: Villafranca e a vendima)

A única ocasión na que utiliza Fernández Morales a palabra escambrón é na quinta estrofa do poema dedicado a Villafranca e a vendima. Está describindo a paisaxe agreste das montañas que rodean a vila.  Trátase dunha palabra do galego do Bierzo ben documentada e pertencente á flora. Denomínase escambrón no Bierzo ao espiño albar, estripeiro noutros lugares de Galicia. Constatamos no dicionario dos dicionarios como Sarmiento un estudoso da botánica e do léxico é o primeiro en dar testimuña da súa presenza no galego do seu século, aínda que tamén será o primeiro en dubidar de se se trata do que cientificamente recibe o nome como crataegos monogyma porque hai quen o denomina de xeito errado escaramuxo. Do que non ten dúbida é de atribuír o nome de estripo ou estripeiro ao espiño albar.   O erudito bieito sabía que era frecuente atopar distintas denominaciois para unha mesma planta e que haxa confusiois entre os falantes. Entre os seus usos, ademais de servir de peche vexetal propio dos beirois en viñas e outras propiedades, habitualmente serven de pé ou asento para inxertar pereiras. 


Hai quen confunde o escambrón co bruñeiro ou abruñeiro (prunus spinosa) pola presenza en ambas plantas de espiños, pero son é ben distintos, vese  cuando no vrau e outono dan os seus fruitos, os dous comestibles. Os dos escambrois (tamén chamados farimentos) son vermellos e os bruños azuis escuros tirando a negros, usados para licores porque de natural sonche moi amargos de sabor. Morales fálanos nunha ocasión nos seus versos dos bruños negros noutro poema, concretamente no dedicado aos magostos.

A confusión que non tiña Morales, pois distinguía escambrois de bruños, lamentablemente reprodúcese hoxe en traballos lexicográficos recentes como  Aportación al vocabulario popular de la comarca berciana editado en 2008 polo Instituto de Estudios Bercianos onde escambrón disque é o que dá abrunos. Algo que non facía o Vocabulario del Bierzo de Verardo García Rey de 1934.

APUNTAMENTO COMPLEMENTARIO SOBRE OS XARDOIS: Aproveitamos para comentar outra palabra dunha árbore que no Bierzo chamamos xardón, aínda que Morales non a chegou a utilizar na súa obra. Os xardois tamén arrastran tras de si certas confusiois que esperamos aclarar botando mao do que apunta o ilustrado vilafranquino antes aludido. Sarmiento tomou boa nota do aparente enredo nas súas viaxes e deixou dito que os xardois poden ser os acivros no Cebreiro e Samos, pero que no Bierzo lle dan este nome as aciñeiras.  

Acivro ou xardón (ilex aquifolium)

 Haberá logo lugares do Bierzo que asocien o nome a unha ou a outra árbore. No ALBI ( Atlas lingüístico do Bierzo do IEB 1996) non se recolle a palabra acivro/ acebo, pero di do xardón que se aplica á aciñeira pequena ou carrasca. O certo é que sabemos dun xardón centenario recentemente desaparecido o Xardón de Peruchín que medraba a carón do cemiterio de Outeiro no municipio de Toral dos Vados ata o inverno de 2019. A espectacular árbore despois de desafortunadas intervenciois non puido resistir un forte vendaval que a esgazou polo rachón que tiña, víndose abaixo toda a súa pesada copa.   



Comentarios

Publicacións populares