UNHA PALABRA BERCIANA COMENTADA: ATURULAR

 

Aturular 

Cremos que é interesante recuperar unha vella sección do antigo blog sobre Fernández Morales. Imos cambiarlle o nome. Daquela chamábase A PALABRA DA SEMANA,  pero poucas veces por falta de tempo fomos quen de seguir o ritmo de incluír unha palabra nova a cada sete días, pero si que foi unha das iniciativas que propiciou interese e dinamismo. Pensamos logo en manter esta faceta transformando algo o seu título. Imos darlle o nome xenérico de DIALECTO BERCIANO co subtítulo de PALABRAS BERCIANAS COMENTADAS.

Antes de iniciar o noso camiño faremos unha pequena memoria das palabras que na anterior etapa do blog foron obxecto das pertinentes entradas:

AS PALABRAS DA SEMANA que foron obxecto de comentario no blog Morales 2011:

Alpabarda/troxos

Amergullar

Androlla

Anguía

Aturular

Barallouzas/escuadrilao

Baleiro/valeiro

Bangallo/ bullo

Barbureta

Beirón

Botelo

Cantroxo

Carreirega

 Cavorco

Cocho

Concho

Cochorro

Curuxa paxaro

Entroido

Esgarduñar

Escambrois

Farraco

Gollarapos

Labieiriña

Lacazán, lacazais

Lameiro

Leira/ leiro

Magosto

Mamuca

Mego

Nial

Rebullois

Sarmenta

Trollo

Vendima

Xabariño/ xabarín

Xibrar/ xibriar

Comezamos logo cun breve comentario dunha palabra dos Ensayos poéticos en dialecto berciano que foi a primeira entrada que fixeramos tempo atrás.

ATURULAR 

Da que di  Antonio Fernández Morales no seu Catálogo de voces:  Gritar cun son agudo e prolongado, denotando alegría e entusiasmo. Úsase muito en Galicia ao rematar as tonadas que cantan nas rondas.

Vexamos a seguir o texto onde aparece a nosa palabra por única vez no poema Villafranca e a Vendima  (versos 145-154).  Describe os cantos colectivos que galegos e galegas botaban onde seguindo a atenta mirada de Fernández Morales, apréciase algo que curiosamente coincide co comentario dunha ilustre visitante de comezos do século XX, outra boa observadora dos nosos costumes, Catherine Gasquoine Harley  quen no seu libro A summer holyday in Galicia  di dos galegos que son xente alegre mesmo á hora de traballar.  Pois ben o noso autor neste poema describe a chegada á vila da cuadrilla de vendimadores alegres (mozas e mozos) de Galicia e como, encabezada polo gaiteiro, diríxese ás viñas para comezar a xornada de traballo e polo camiño algúas mulleres:  

Acompañando as pisadas

e collidas polas maos

outras van emparexadas,

cantando as mesmas tonadas

dos anos todos pasaos.

 

Ó finar, con muito ardor

aturulan: Hí, jí jíiiiiiii !!...

y aquel q’alarga mellor,

sin tomar alento, a íiii...

lle chaman bon berrador.

O aturular das Tanxugueiras popularizou recentemente o aturuxo como expresión do canto tradicional.

  Na súa procura no Dicionario dos dicionarios comprobamos que esta palabra aturular é variante do verbo aturuxar que tamén se usa no galego do Bierzo, aínda que non a utilice o noso autor. 

Pola contra no libro de Morales hai outro verbo semellante aturullar de significado ben distinto que neste caso non colocou no seu Catálogo. Esta segunda palabra aparece no poema Proba de amor:  Neste texto o personaxe que resulta ser como o protagoniza, D. Liso, entre outros varios e ocorrentes sucesos, tenta namorar a unha rapaza á que lle caeu a baraza que sostiña unha das súas medias e tras da que asexaban varios pretendentes: 

Listo foi o que máis traza

pra collela pudo darse,

e chegándose á rapaza

a dixo, ó darlle a baraza,

cuasi sin aturullarse:

—Muito luitein, mais vencín...

¡Oh, quen cha pudera atar!

—O atala tócame a min;

mais eu lle quero pagar

cunha flor do meu xardín.


Ningunha destas tres voces se citan noutros tantos vocabularios máis recentes. Nin no denominado Vocabulario del Bierzo de Verardo García Rey (1934) nin tampouco na Aportación al Vocabulario popular de la Comarca Berciana  de María Trinidad Crespo Álvarez e Jovino Andina Yanes (2008), nin no Léxico y literatura de tradición oral en el entorno de Las Médulas de Fernando Bello Garnelo. Neste aparece como variante de aturrullar, aturullar, coa acepción de "turbar, atontar"  que está mui próxima á que ten no texto da Proba de amor de Morales: "equivocarse, trabucarse"

Comentarios

Publicacións populares