OBRA EDITADA E POR EDITAR

 


OBRA EDITADA EN VIDA DO AUTOR

ENSAYOS POÉTICOS EN DIALECTO BERCIANO (León, 1861) trátase da obra de maior repercusión das escritas por Antonio Fernández Morales. O libro está composto por un prólogo de Mariano Cubí , unha introdución do autor e 16 longos poemas, máis uns 8000 versos todos escritos na variante oriental do galego que se fala no Bierzo agás o terceiro titulado Cuento satírico que alterna os versos en galego cos de castelán. Terra, xentes, paisaxe e costumes do Bierzo son ademais da lingua os principais temas que aborda.

 Sobre o contexto literario é de sinalar que este libro ao ser editado dous anos antes do poemario que se considera a marca do comezo da literatura contemporánea en galego ou se se quer do denominado Rexurdimento pleno,  Cantares gallegos de Rosalía de Castro,  resulta ser un precursor ou precedente de gran interese para determinar como se produce este renacer da escrita en galego. Hoxe sabemos que os primeiros poemas do libro foron compostos en 1847  o que sitúa a Morales á par do primeiro autor deste movemento, o pontevedrés X. M. Pintos estando por investigar afondo aínda as posibles conexiois existentes entre ambos autores.  Debemos lembrar que estes Ensayos beben da obra: Coloquio en mil duascentas coplas galegas escrito en 1746 polo erudito galego-berciano Padre Martín Sarmiento, unha fonte que servirá de modelo e mesmo de referencia para a crítica á hora determinar os autores pertencentes a este movemento de rexeneración.

Pódese consultar  esta obra na rede nunha versión escaneada dun orixinal da 1ª edición do libro.  


ENSAYOS POÉTICOS (Toledo, 1876) é unha obra en castelán un libro de 243 páxinas e 76 composiciois de variada extensión e diversidade de temas. Unha parte son recreacciois dos seus ensayos en dialecto berciano con numerosas transformacois, adaptaciois máis coidadas de poemas anteriores dos publicados na Revista El Esla. Como di Balboa de Paz mostra do interese estético por corrixir, pulir e perfeccionar a súa obra. Mantén no conxunto destes poemas o seu afán humorístico cargado de ironía nos numerosos epigramas que inclúe.


 Ademais na REVISTA EL ESLA que se editaba semanalmente en León capital durante o ano 1860 -61 aparecen diversas colaboraciois do noso poeta tanto en forma de poemas como de crítica teatral, tamén publica nesta revista en galego: O fiandón d´aldea  como primicia e anuncio da aparición inminente do seu libro Ensayos poéticos en dialecto berciano.


EDICIOIS E ANTOLOXÍAS RECENTES

EDICIOIS RECENTES: ENSAYOS POÉTICOS EN DIALECTO BERCIANO

Podemos atopar tres ediciois recentes da obra dos Ensayos poéticos en dialecto berciano:

A versión facsimilar que inclúe cuatro estudos introdutorios de J. Antonio Balboa de Paz, Manuel Gutiérrez Tuñon, Anxo Angueira Viturro e Rosario Álvarez Blanco que editou o Instituto de Estudios Bercianos en 2003.




A edición do berciano Francisco Macías, director de Edicións Positivas viu a luz no 2016 e reproduce en exclusiva os 16 poemas dos Ensayos poéticos en dialecto berciano actualizando a súa ortografía, pero mantendo as formas dialectais e a riqueza léxica inherente á obra.


ANTOLOXÍAS DE MORALES


Antoloxía poética de Antonio Fernández Morales edición e introdución de J. Antonio Balboa de Paz editada polo Concello de Cacabelos en 2002.


Antonio Fernández y Morales Espacio de topacio (Antología poética) editada polo Diario de León.


Antonio Fernández Morales, autor berciano, Bicentenario do seu nacemento (1817-2017), edición de Manuel González Prieto para o Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo (Editorial Fervenza 2017) que inclúe unha selección de 7 poemas dos Ensayos poéticos en dialecto berciano e unha segunda parte con recreaciois de distintos poetas e mesmo fotógrafos, ilustradores a partir dos textos de Morales.


OBRA INÉDITA RECUPERADA E POR RECUPERAR

CARTAS E COMPOSICIOIS AUTÓGRAFAS DE ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES A MARIANO CUBÍ. Obra editada no ano 2019 por Héctor M. Silveiro Fernández nos Anexos da Biblioteca da Real Academia Galega.  As cartas autógrafas do epistolario recuperado de Antonio Fernández Morales dos anos 1847-48 dirixido ao filólogo Mariano Cubí, ademais dunha serie de datos mui interesantes tanto sobre a xénese e o proceso de creación dos Ensayos Poéticos en Dialecto Berciano, como da destreza á hora de escribir en galego do autor e a fidelidade á lingua falada no Bierzo na súa época, ofrece tres composiciois poéticas, as primeiras versiois dos seus poemas en dialecto berciano que publicará anos máis tarde. Nestas cartas fai referencia tamén da reforma de mis ensayos dramáticos que ben son textos desaparecidos ou simplemente pendentes de localizar. Só cita un título El Ermitaño de Uruela obra teatral inédita.

Comentarios

Publicacións populares