DO SAN ROQUE DE PAO DE LAMEIRO

 


O vrau é tempo de festas e romarías, tamén días de procurar unha boa sombra.Traemos hoxe uns versos do poema O San Roque en Paradela, un texto no que Antonio Fernández Morales describe unha romaría neste lugar do concello berciano de Toural dos Vaos. Escollemos o momento no que a Dama da danza no medio da procesión bota o dicho que segue e do que imos deternos non na curiosa serie de peticiois que lle fan ao santo, senon simplemente na palabra lameiro:

"Señor San Roque Celeste;

Santo divino y amao;

bon espantallo da peste;

fuelle do vento infestao....

Santín a quen sempre invoco,

feito por Fuco o Santeiro

do pao groso dun lameiro

de que fixo tanto zoco:

Pide a Dios pra noso papo,

 e traéndola dende aló

de meleciña un cachapo

por si a peste ven acó"

E, pra que naide zollipe

quás cochas nunca anden flacas;

nin beban sapas as vacas

non os bois lles pegue a gripe.

Ay Santín! Si de ti podo 

cuanto che pido alcanzar, 

o concello hache de dar

 cera abondo no ano todo.

 Y a máis un cuartal de millo

si as viñas curas da tiña,

 os perros do garrotillo

 y as ovellas da morriña.

 Con Dios, patrón do lugar;

pois erse espantalo

e fuelle da peste ó par,

pra quitarnos tal traballo

 nunca deixes de soplar."

Está claro que o lameiro fai referencia a unha árbore e a unha madeira "pao groso" coa que se fabrican tamén zocos. Este uso popular indícanos a calidade da madeira doada de traballar posiblemente en verde, pero dura e resistente, á vez de lixeira, co secado. Reparemos no nome, que no Courel podémolo atopar en feminino lameira e se nos adentramos en Galicia, pois é nome galego, aparece a denominación lamagueiro, ben distinto do asturiano-leonés llamera e do comunmente chamado en castelán negrillo. Trátase dunha árbore hoxe difícil de atopar pois sufriu a finais do século XX  a grafiose, unha enfermidade producida por uns fungos que rematou coa súa  presenza en muitos lugares emblemáticos, pois era escollida con frecuencia para plantarse en prazas e alamedas como constatamos na propia Vilafranca, pero que a causa do andazo fíxoos desaparecer de golpe mesmo exemplares centenarios.   
O nome máis común ulmeiro deriva do da familia desta árbore Ulmus glaba.  No libro Árboles singulares del Bierzo (2004), Santiago Castelao Diñeiro, sen recoller a denominación que usa Morales, cita pola contra o Negrillo de Paradela de once metros de envergadura e comenta que por ser de madeira resistente ao rozamento facíanse con esta madeira as chedas dos carros e calabazas destes onde se insertan os radios das rodas, os mazos, os fusos das prensas do viño e os bandoxos para cribar as castañas.
 
  

Lama é unha palabra por certo ben antiga, raíz prerromana que fai referencia de todos os xeitos a un lugar onde hai muito lodo ou trollo, unha braña ou terreo polo tanto húmido habitualmente, e como topónimo, está mui presente no Bierzo. Sería, pois. un lugar propicio para que medrase esta árbore que hoxe comentamos.  Sinalemos ademais que debemos considerar hidrotopónimos os nomes de Paradela do Río e Toural dos Vaos. Deixaremos para outro día o comentar e contrastar o contido dunha pregaria mui coñecida que Rosalía introduce nos seus Cantares.  

Comentarios

Publicacións populares