ANTONIO FERNÁNDEZ MORALES, O CANTOR DO BIERZO (Biografía inicial)

 

Foto de Antonio Fernández Morales recuperada do álbum familiar dunha tataraneta (María de los Ángeles Fernández- Garayzábal) por Henrique Costas para lograr a difusión da súa imaxe.

Antonio Fernández Morales naceu en Astorga un 17 de setembro de 1817 mais viviría a súa infancia en Cacabelos no medio do xardín berciano lugar ao que permanecerá ligado de por vida e onde morrerá un 15 de agosto de 1896, ademais de repousar no seu cemiterio. O seu pai Tomás Fernández Garrido, boticario de profesión e de ideas liberais e a súa nai Nicolasa Morales Rodríguez, de costumes máis conservadoras, procuraron unha educación singular á que as circunstancias e singularmente O Bierzo e as súas xentes ían engadir un elemento substancial para facer del un autor destacado, un dos primeiros en recuperar para a escrita no ano 1847 o que el denominou dialecto berciano, en realidade un subdialecto do galego oriental como el mesmo recoñece no prólogo da que será a súa obra literaria máis destacada: Ensayos poéticos en dialecto berciano editada en León capital en 1861.

Coñezamos máis polo miúdo as distintas etapas da súa vida e o contexto da súa creación literaria seguindo os datos que ten aportado o seu biógrafo José A. Balboa de Paz responsable, en gran medida, da incorporación definitiva de Morales ao elenco de autores bercianos. A biografía que Balboa editou no ano 1986 abriu un proceso de restablecemento que non parou de medrar e mesmo provocou que se sumasen destacados estudosos centrados xa máis na súa repercusión lingüística e literaria o que permitiu que, en eventos posteriores (como o seu recente bicentenario) tanto a biografía como outros traballos sobre o autor ampliasen considerablemente os coñecementos sobre esta figura transcendental da literatura do Bierzo.

Astorga no século XIX

 DE ASTORGA A CACABELOS: O NACEMENTO E A PRIMEIRA FORMACIÓN

Antonio Fernandez Morales naceu en Astorga e foi bautizado na parroquia de Santa Marta. Era de familia fidalga e polo tanto con recursos e propiedades. Seus pais eran astorganos ao igual que os seus avós maternos, pero o seu avó paterno, alcarreño, no 1817 residía en Ponferrada exercendo de boticario. O seu pai rexentaba tamén unha botica en Astorga e estaba casado con Nicolasa coa que terá tres fillos, o maior será Antonio.

O noso autor viviu ata os cinco anos de idade na capital maragata. Tras o Trienio liberal, Tomás Fernández Garrido vese obrigado dalgún xeito a marchar de Astorga a causa das súas ideas políticas (era membro da sociedade secreta dos Comuneros de Castilla) e para evitar ser apresado polos realistas decide fuxir. Exercera en Astorga como concelleiro en varias ocasiois e denunciara diversas agresiois a persoas de talante liberal e progresista.

A familia decide instalarse en Cacabelos en 1824, onde Tomás logra mercar unha farmacia e Antonio vivirá desde os seis anos. Aprenderá eiquí a lingua que se fala no Bierzo nese proceso natural de socialización propio dun nino, que a pesar de recibir as primeiras letras en castelan escuitouna á vez que medraba e logo xa adolescente interacciona coas xentes do común que tiñan na boca este dialecto oriental do galego como lingua materna. Precisamente el mesmo recoñece xa en 1847 cal foi o seu proceso de achegamento ao galego:

... estou ocupao en buscar noticias ou escritos d’aquesta sierga y en vano, pois nin unha carta escrita así puden precurarme; pero non ó creyo necesario  para  complacer  á  Uste,  porque  criyao  dende  nino  n’este  pais,  préciome de poseyer seu lenguaxe, n’ostante de costarme ya algún traballo falalo y  escribilo...  

Instalados en Cacabelos na rúa Cimadevila desde 1825 onde alugan unha casa. A súa nai, ademais da escola de Primeiras Letras, levábao ao santuario nas beiras do río Cúa para rezar con fervor, como logo escribirá Morales no seu poema á Virxe da Quinta Angustia. 

 Antonio volverá a Astorga en 1832 para estudar tres cursos no Seminario un lugar de referencia para o liberalismo daquela ao coincidir estes anos convulsos tras da morte do rei absolutista Fernando VII (1833) coa dirección do bispo catalán Torres Amat de dito seminario.  De Astorga partira para a universidade en Valladolid o ano anterior Enrique Gil, logo non puido coñecelo nesta ocasión, pero si tratar con outros destacados persoeiros bercianos e valdeorreses polo que o contacto co galego falado puido seguir existindo ademais de manterse, claro está, en Cacabelos nos períodos vacacionais.

Na beira do Cúa namentres seu pai conservaba as súas ideas liberais e sóuboas legar ao fillo que con dezasete anos sabemos foi nomeado sarxento da Milicia Urbana de Cacabelos iniciando así os seus pasos decididos na carreira militar e afianzando os contactos con personalidades do liberalismo berciano como Antonio Ojeda.  

Un último dato sobre Cacabelos antes de proseguir.  Tomás Fernández non tardará en facerse cunha residencia propia nesta vila. Será en 1836 aproveitando a Desamortización dos bens do Mosteiro de Carracedo, a pesar de que logo pasará a vivir toda a familia a Vilafranca en 1837. Esta casa será a vivenda onde morrerá o pai do autor un 2 de xuño de 1857 e posteriormente o propio Antonio. 

Santuario da Virxe da Quinta Angustia (Cacabelos)

DE VALLADOLID A GALICIA: A CARREIRA MILITAR

En outubro de 1835 solicitou o seu ingreso no Colexio de Distinguidos de Valladolid co aval da Guardia Nacional de Cacabelos á que pertencía. En xaneiro do 1836 iniciará o curso, despois de superar unha proba de ingreso. Rematará a súa formación en 1837 co grao de subtenente que axiña ascenderá a tenente tras levar a cabo distintas acciois militares no Rexemento de Infantería Borbón nº 17 do Exército do Norte. Como eran os tempos das Guerras Carlistas pasou por Pedrafita, País Vasco, Navarra, Aragón, Cataluña e Levante. Participa na toma de Morella en 1840 e a de Berga 1841, volve pois a Cataluña e logo a Navarra antes de recalar por maior tempo, case cuatro anos, en Galicia que podemos considerar o seu destino máis duradeiro. Reside do 1842 ao 43 en Tui e despois na Coruña onde participa do Alzamento progresista de agosto do 43 polo que pasa á reserva durante todo o ano seguinte para recuncar no batallón provincial en Tui ata outubro de 1845.

Esta etapa é a que de menos datos temos por non aparecer noticias dos seus contactos literarios e intervenciois noutros ámbitos máis aló dos militares, pero non cabe ningunha dúbida pola súa ideoloxía liberal e progresista de que Fernández Morales participou ou tivo constancia daquela do que denominamos o Provincialismo, un movemento político e intelectual de reivindicación da identidade e da dignidade de Galicia na procura dunha administración propia que permitise un desenvolvemento social, económico e cultural que dá os seus primeiros pasos no 1840 e é precursor do galeguismo. Este activismo contra o goberno moderado de Narváez terá como momento central o pronunciamento de abril de 1846 e a posterior matanza dalgúns dos seus dirixentes, os Mártires de Carral.

Casa dos Fernández Morales en Cacabelos tras colocar a placa que o lembra no ano 2011 

 DE VILAFRANCA A LEÓN: ETAPA DE CREACIÓN LITERARIA  

Esta etapa ten como precedente destacable a intensa actividade política e cultural do pai de Fernández Morales motivo principal do paso da familia de Cacabelos á vila considerada capital do Bierzo. Ademais de se presentar ás elecciois en 1837 e de 1839 coa intención obter un cargo de deputado a Cortes, algo que non logra. Aínda así en 1842 está entre os 18 homes máis representativos convocados pola Corporación para restablecer de novo a Provincia do Bierzo. Por outra banda, non  só conseguirá situarse el na lista de socios fundadores da Sociedad de Teatro de Villafranca en xaneiro de 1843 senon tamén colocar ao seu fillo despois do escritor Enrique Gil e  o avogado Joaquín del Pino entre os honrosos socios corresponsales como  o político Pelegrín Saavedra, o pintor Lorenzo Fuertes ou o letrado cacabelense da Audiencia da Coruña Manuel Cardeña, o que describe à perfección os intereses que moven tanto ao pai como ao propio Antonio. 

Efectivamente Morales vai pasar en Vilafranca unha tempada na vila en calidade de capitán na reserva á espera dunha nova praza definitiva e consecuencia, como el mesmo recoñece de sus opiniones políticas. Este tempo libre dedícao á creación literaria como puidemos saber a raíz da aparición da súa correspondencia con Mariano Cubí, un eminente filólogo catalán que, aproveitando as súas viaxes de presentación da súa obra frenolóxica, contacta en 1847 con Antonio para invitarlle a escribir en dialecto berciano. Foi contacto epistolar (que non persoal, poida que propiciado polo seu pai, xa que Cubí pasou polo Bierzo cuando Antonio non estaba na vila). Esta relación prodúcese, unha vez máis, como resultado da afinidade ideolóxica, cousa que evidencian as propias cartas (Silveiro 2017).  

Temos constancia de que ademais dun conxunto de poemas en galego berciano, Antonio realizara con anterioridade varios textos teatrais en castelán dos que envía un a Madrid para probar fortuna. A valentía e fidelidade coa que procura abordar a empresa coa que o amigo e prestixioso filólogo catalán lle engaiola será fruito dun labor pausado e inxente de Morales que verá a luz anos despois noutro momento no que os seus deberes como militar de carreira lle permitiron preparar a súa edición. Non podemos deixar de indicar un par de cuestiois ao respecto. Antonio é consciente da súa ousadía á que se ve obrigado dada a inexistencia de textos escritos nesta lingua dos bercianos, sabedor da súa pertenza ao galego, do que é un subdialecto, e coñecedor do galego usado polos galegos na fala, seguramente tamén lector dos poucos textos que circulaban por Galicia nese idioma (entre os que estarían os creados polo Padre Sarmiento no século XVII, pero que se editarán por vez primeira nos anos cincuenta do XIX).

A comezos do ano 1849 volve a súa actividade no exército en Madrid ata que no mes de agosto foi enviado a Italia nunha curiosa operación de defensa do Papa. Ao seu regreso pasa por Barcelona (o seu biógrafo, Balboa de Paz, apunta que talvez daquela puido coñecer en persoa a Mariano Cubí ou quizás máis tarde noutra licencia temporal do 1854, de cuatro meses, que pasa na cidade condal).  Entre estas datas ao seu paso por Valladolid (1852-53) debeu coñecer a que sería a súa esposa, Dátiva Manglano Verdesoto coa que terá posteriormente dous fillos (Alfredo e mais Etelvina).

Tras do pronunciamento de Espartero que conduciu ao Bienio Progresista ao que se adheriu Morales, logra o grao de comandante de infantería e comeza un período de varios anos (1858-1866) en León capital, con frecuentes estancias no Bierzo, algúns en situación de reserva.  Lembremos que no ano 1857 morre o seu pai en Cacabelos tras deixar a vila do Burbia un ano antes.   Na capital leonesa ocupou distintos cargos (inspector de Estatística, secretario do goberno militar da provincia)  que lle permitirá de novo activar a súa faceta cultural e literaria como queda constancia nas numerosas composiciois e críticas que ven á luz na revista El Esla e onde se anuncia en 1860 a publicación inminente dos seus Ensayos Poéticos en dialecto berciano que se editan na mesma imprenta. Os Ensayos foron distribuídos ademais dos lugares habituais a onde chegaba a revista leonesa a varias librarías de Barcelona a instancias de Cubí e, algo moi interesante, estivo a dispor dos lectores en distintas vilas de Galicia. Precisamente é necesario reparar na repercusión deste poemario no contexto galego para entender cal foi a contribución do noso autor ao movemento literario que se denomina Rexurdimento.  

Fernández Morales (sentado á dereita) nunha reunión de amigos na súa casa de Cacabelos (foto cedida por J.Antonio Balboa o seu biógrafo)

MORALES PROGRESISTA REPUBLICANO: O BIERZO SEMPRE COMO REFERENCIA

Ábrese unha etapa final na vida de Morales a partir do ano1866 na que deixa León para residir en lugares dispares nos que prosegue a súa carreira militar e política (Illas Baleares, Granada), pero será en Málaga onde participa de xeito notable en acciois bélicas na revolta da Gloriosa de 1868 que dá ao traste co goberno da raíña Isabel II. Ascende a coronel e logo chegará a gobernador militar de Toledo en 1870 e máis tarde de Granada. Estamos no Sexenio revolucionario no que dá un salto á política. Foi elixido deputado  presentándose no Partido Radical polo distrito de Vilafranca do Bierzo en 1872. O feito que represente á comarca supón unha proximidade evidente cos intereses das súas xentes. Nunca perdeu de vista a comarca berciana. Pero tras combater no ano 1873 na zona norte na segunda guerra carlista, por motivos de saúde pasa a retagarda e vai ser nomeado ao ano seguinte gobernador mitilar de Toledo onde pasará un tempo e no que vai editar o seu segundo libro de poemas, desta volta en castelán: Ensayos poéticos (1876) unha especie de antoloxía de toda a súa obra mesmo recreando e retocando ao pasar ao idioma cervantino alguis dos poemas dos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano. O valor literario, e por suposto, lingüístico, do segundo libro resulta menor que o anterior.

Co seu paso á reserva en 1883 traslada a súa residencia habitual a Madrid realizando frecuentes visitas ao Bierzo. Na vila do Cúa en 1893 atopámolo coa súa muller onde outorgan testamento aos seus dous fillos Alfredo e Etelvina. Morales comeza a percibir achaques propios da idade, que non rematarán coa súa vida ata tres anos máis tarde. Morre en Cacabelosaos 79 anos de idade un 15 de agosto de 1896 e será soterrado no cemiterio da Edrada ao día seguinte, onde aínda hoxe podemos visitar a súa tumba, unha das máis vellas e emblemáticas do camposanto cacabelense.

Tumba de Antonio Fernández Morales (2017)

A partir do ano 1996 foron muitos e mui diversas as ocasiois nas que no Bierzo se organizaron actos centrados na vida e especialmente no 2011, 150 aniversario da publicación da súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano, ademais do bicentenario do seu nacemento no ano 2017, todo un proceso de recuperación da súa figura e da súa obra que segue medrando porque a trnascendecia do cantor do galego no Bierzo vaise abrindo paso non só na comarca, senón tamén fóra dela.  

Engadimos un par de referencias bibliográficas de interese para ampliar datos sobre a súa biografía:

- Antonio Fernández Morales: unha revisión biográfica, de J. Antonio Balboa de Paz (2017)

- Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí, introdución e transcrición de Héctor M. Silveiro Fernández (2017)

 





Comentarios

Publicacións populares