A SOLICITUDE Á ACADEMIA GALEGA DO DÍA DAS LETRAS DO 2011 PARA FERNÁNDEZ MORALES
SOLICITUDE DO MUNDO DA CULTURA NO BIERZO
As persoas que asinan esta nota de prensa queren facer público o seu apoio á solicitude realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo ano, 2011, sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales, autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861). Varios son os argumentos que quixeramos expoñer brevemente para asentar dita petición que consideramos tamén nosa. O do valor literario da obra, o de ser fieis a día de hoxe ás intenciois que levaron a Morales a escribila e, finalmente, o enriquecemento que esta iniciativa supón tanto para os bercianos como para os galegos do presente século.
Entrada do antigo blog Morales do 2011 |
O primeiro que resaltamos é o valor intrínseco deste libro, equiparable en
calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos. Destacaríamos que
é, sen dúbida, un dos mellores cantos
que se teñen escrito á terra berciana no século XIX. Está conformada por un
conxunto de poemas que se encontran
entre os máis antigos do movemento literario chamado Rexurdimento, escritos e editados
no ano 1861, aínda que será dous anos despois cando dá comezo oficialmente dito
movemento, un 17 de maio de 1863, data na que se publican os “Cantares
Gallegos” de Rosalía (motivo polo cal se celebran nesta data o Día das Letras
Galegas). Dáse a feliz circunstancia a
ter en conta de que no 2011 se cumpren polo tanto os 150 anos da súa
publicación.
Morales, por outra parte, é autor dunha fermosa creación literaria baseada na fala natural das súas xentes, das máis humildes. Levado polo amor que demostra pola fala dos bercianos do XIX, o poeta no prólogo dunha obra non pequena ( falamos de varios miles de versos ) comenta en canto as súas intenciois: “legar á posteridade” certos costumes do Bierzo para “dar unha idea rica do subdialecto que nel se fala”. “O dialecto… non está en exercicio entre la clase culta da sociedade berciana, quedando relegado ao exclusivo dominio das masas”. Trata logo de facer da tradición literatura, recoñecendo á vez, tanto o seu uso na comarca en tempos remotos, como o seu valor, unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada a unha terra, ademais de ser o berciano un subdialecto do galego do vai procurar usar as fórmulas máis puras.
Finalmente debemos constatar que, homenaxear a Antonio Fernández Morales o
Día das Letras do próximo ano, é unha gran ocasión para afondar na riqueza
patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación deste aporte
berciano á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que
compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos,
sinceramente orgullosos.
Rematar estes breves apuntamentos que acompañan a nosa solicitude,
destacando algo que por obvio non quixeramos deixar de citar. Esta celebración axudaría a andar o camiño da
consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século
XXI, pais e nais que escollen
voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de
Rosalía na escola, tras facilitar a súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de
mil familias) co acordo das administraciois implicadas de Castela e León e de
Galicia.
Alguis dos asinantes da solicitude |
Asinan este
escrito:
Amancio Prada, músico
Juan Carlos Mestre, poeta
César Gavela, escritor
J. Antonio Balboa, historiador
Carmen Busmayor, escritora
Valentín Carrera, cineasta
Germán Valcarce, xornalista
Ester Folgueral, poeta
Miguel Varela, teatro Bergidum
Luís Paradelo, escritor
Elena Soto, poeta
Manuel
Cuenya, escritor
Fermín
López Costero, escritor
J.A. Robés, fotógrafo
Ricardo López Témez, xornalista
Mar Palacios (IEB)
Héctor Silveiro, Comisión Cultural Martín Sarmiento
Os distintos entes que asinan esta nota de prensa queren facer público o
seu apoio á solicitude realizada ante a Real Academia Galega para que o próximo
ano 2011 sexa dedicado o Día das Letras Galegas a Antonio Fernández Morales,
autor dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861).
Apoiamos, esta solicitude, en primeiro lugar, pola valía deste libro. Son
varios milleiros de versos que nos levan ás paisaxes do Bierzo do século XIX,
describe os seus costumes e tradiciois e fálanos no idioma natural das súas
xentes, das máis sinxelas e humildes. É unha fermosa creación literaria e un
gran documento antropolóxico e etnográfico á vez. Son estes xa argumentos de peso para
consideralo merecedor da reclamada homenaxe; pero existen outros tan importantes
como son o seu afán por “legar á posteridade”
estes costumes do Bierzo para “dar unha idea rica do subdialecto que nel
se fala” razois que esgrime o autor e consideramos válidas e perfectamente
vixentes a día de hoxe no Bierzo e, tamén , en Galicia.
Ademais cumprirase, no 2011, o 150 aniversario da súa publicación, que se
adiantou en dous anos á obra de Rosalía de Castro, autora que inicia o
Rexurdimento e que é o movemento no que se encadra a obra de Morales. Esta
magnífica obra cremos que debe ser incorporada plenamente ao movemento, cousa
que está por facer, xa que así se recoñece o aporte a dito movemento desta
parte da creación en galego da fala oriental e do Bierzo, un aporte cunha
personalidade e unha voz singulares.
Por outra banda, a fala que empregou
Morales no século XIX, segue viva a día de hoxe e está presente nos centros
escolares polo interese de máis de mil familias que decidiron que os seus
fillos e fillas cursen galego voluntariamente no século XXI. Cunha aposta como
esta por saber do noso pasado, enriquécese o noso presente para facer un futuro
mellor, unha aposta que debe ser apoiada dende as administraciois e que este
tipo de celebraciois que agora solicitamos teñen a ben realizar no Bierzo,
contribúen a que se faga máis presente e se divulgue un patrimonio común e
compartido de galegos e bercianos.
Sabemos que son moitas máis as persoas, entes e instituciois bercianas que
están remitindo unha solicitude semellante estes días á Real Academia Galega,
pero os que asinan esta nota puxémonos de acordo en enviar este comunicado
conxunto.
Asociación
Cultural “ESCOLA DE GAITAS” de Vilafranca do Bierzo
Asociación da
LINGUA GALEGA XARMENTA
COMISIÓN CULTURAL
MARTÍN SARMIENTO
INSTITUTO DE
ESTUDIOS BERCIANOS
ASOCiACiÓN
CULTURAL VAGALUME
ASOCIACIÓN A MORTEIRA
Colectivo de
mestres de galego no Bierzo
FALA CEIBE
Asociación Cultural TAXUS
Homenaxe ante a tumba de Morales no ano 2002 |
Os Académicos da
Galicia non administrativa proponen ao poeta berciano Fernández Morales para as
LETRAS GALEGAS do 2011.
Os Académicos correspondentes
Carlos Aenlle do Eo-Navia de Asturias, Felipe Lubián das Portelas de Zamora e
Domingo Frades do Val do Ellas de Estremadura, apoian a solicitude dirixida á
ACADEMIA GALEGA feita dende o Bierzo polo seu compañeiro Héctor Silveiro para
que Antonio Fernández Morales sexa o autor homenaxeado con motivo do Día das
Letras Galegas do 2011.
A Academia Galega vai decidir a
finais do mes de xuño quen será o autor que centrará os estudos, actos e
homenaxes no Día das Letras Galegas do próximo ano 2011. Con este motivo e
reiterando unha solicitude realizada xa no ano 2007 ao anterior presidente da Academia nun acto no Bierzo para que se
tivese en conta ao autor dos “Ensayos
poéticos en dialecto berciano”, A. Fernández Morales, como un posible
candidato digno de tal celebración. Facendo observar que este libro de gran
importancia para a Literatura Galega por ser un dos primeiros publicados na
etapa do denominado Rexurdimento (dous anos antes doutro gran libro co que
tradicionalmente se di que Rosalía inaugura dita etapa) é de gran interese por
encaixar perfectamente no perfil dos autores desta época, tanto na ideoloxía,
como nas intenciois que o moven a escribir no que denomina dialecto berciano,
que el mesmo recoñece no prólogo que é un subdialecto do galego. Cargado pois
de peculiaridades léxicas, outro dos aportes do libro, o autor tentaba crear
conciencia da necesidade de “legar á
posteridade” unha lingua comprendida
como unha expresión que debe verse nobre e digna, orixinal e intimamente ligada
a unha terra. Precisamente o libro de Morales “por riba da inigualable riqueza antropolóxica e
lingüística, entregoulle un dos máis grandes monumentos á nosa Historia da
Literatura e o mellor canto que coñezamos ás terras do Bierzo”, como ben
asegura o profesor Anxo Angueira nunha edición facsimile recente desta obra
realizada polo Instituto de Estudos Bercianos.
Por outra banda, os Académicos correspondentes no seu escrito á Academia
aseguran que, ademais de por coincidir no 150 aniversario da publicación do
libro, homenaxear a Fernández Morales o próximo ano contribuiría a asentar á
defensa da lingua nesta comarca, facendo visible a propios e estraños que esta
lingua é patrimonio natural do Bierzo, pois é o autor dos ensaios en dialecto
berciano o homenaxeado e á vez patrimonio común que comparte Galicia con todos
os territorios de fala galega. É unha
gran oportunidade de que avance o camiño da reconciliación coa identidade que
está realizando o Bierzo despois de incorporar o galego ao ensino en colexios e
institutos (máis de mil familias de xeito voluntario), despois de ser
recoñecido polo seu Consello Comarcal ou lograr que apareza mesmo na
lexislación da Comunidade Autónoma á que pertence.
Finalmente invitan aos bercianos
a sumarse á iniciativa e remitir a Academia Galega o seu apoio a dita
solicitude como xa o están a facer numerosos entes de diversa índole nestes
últimos días.
Héctor M. Silveiro Fernández
Comentarios
Publicar un comentario