V- PREMIOS FERNÁNDEZ MORALES (2025)
A CELEBRACIÓN DOS V PREMIOS MORALES 2025
ENCONTRO ESCOLAR DO GALEGO DO BIERZO EN CACABELOS
O luns 10 de marzo en Cacabelos celebramos no Cine Faba o Día do Galego nos Centros Docentes do Bierzo. Nesta edición o alumnado do Programa de Promoción do Galego nos centros escolares bercianos realizou un traballo inaugurado coa Vª convocatoria do Premio Morales que xiraba ao redor do poema: O Entroido. Despois da elaboración dun calendario como ferramenta didáctica estes versos foron recreados polo grupo Alegría Berciana. Ademais de coñecer as nosas tradiciois avanzamos así no futuro da lingua na comarca cunha actividade participativa e lúdica. Antonio Fernández Morales, autor ligado a esta vila berciana de Cacabelos, onde viviu e está soterrado, é o cantor por excelencia do galego do Bierzo, foi un dos centros de interese destes intercambios didácticos e lúdicos das Xornadas Martín Sarmiento para alumnos/as vidos de distintos centros de ensino de todo o Bierzo. O outro tema que pretendemos abordar é o das cantareiras e a tradición oral que serán homenaxeadas este ano con motivo do Día das Letras Galegas. Temos a certeza de que máis aló das aulas este sentimento estámosllo a contaxiar a outros sectores da sociedade berciana que perciben que vai sendo hora de mellorar o acordo de Promoción da Lingua Galega que leva 23 anos aplicándose e reclama maior atención e un novo pulo.
As alumnas/os de 11 centros de Primaria que imparten tamén o Programa de Promoción do Galego no Bierzo participaron da celebración e entrega dos Premios en Cacabelos. Foron recibidos pola comparsa do Entroido Berciano do Grupo de Alegría Berciana que tivo a ben a compañarnos. Este grupo folclórico leva anos representando esta escena das nosas tradiciois partindo do poema de Antonio Fernández Morales titulado O Entroido que era precisamente o motivo escollido para os V Premios Fernández Morales, que se concretou coa edición dun calendario con debuxos dos distintos centros participantes e textos do longo poema do autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano. Entregáronse para cada centro a ninas e ninos autores das ilustraciois lotes de calendarios editados por Ediciois Positivas e tras unha alocución das autoridades educativas e políticas presentes o alumnado do Programa de Promoción do Galego tivo ocasión de escuitar, aprender e divertirse con Música e Evolución concerto didáctico de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez que desenvolveron sobre os Instrumentos, cantigas populares e a súa evolución.
Na XVII edición das Xornadas Martín Sarmiento con motivo do encontro co alumnado de Secundaria dos IES que imparten o Programa do Galego fixemos un seguimento da iniciatva que puxemos en marcha o curso pasado a partir da publicación do Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez, para o que contamos coa presenza da propia autora que invitou aos centros presentes a proseguir coa recolleita de palabras, tras analizar algúas das achegas que se fixeron. Nesta primeira parte do acto de xeito exclusivo para os alumnos/as de secundaria actualizamos a iniciativa do Mego das Palabras que puxemos en marcha o curso pasado por estas datas a partir da presentación do Dicionario do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez e das novas secciois da web: WWW.OGALEGONOBIERZO.ORG.
Como remate da celebración tras da intervención das autoridades que subvencionan e apoian o evento fíxose a convocatoria da VIª edición dos Premios Fernández Morales do 2026.
A Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, os centros docentes do Programa do Galego na comarca, a Real Academia Galega, as autoridades educativas autonómicas, entes culturais como O Fiandón Berciano e o Instituto de Estudios Bercianos, alcaldes do Bierzo e o seu Consello Comarcal mantiveron a posteriori un encontro de traballo de cara a programar outras iniciativas coa fin de seguir abrindo novos espazos para o galego no Bierzo.
| Cartel das XVII Xornadas Martín Sarmiento 2025 |



.jpg)
Comentarios
Publicar un comentario