O MEGO DAS PALABRAS DO GALEGO DO BIERZO
O reto das XVI Xornadas Sarmiento:
Recuperar 1000 palabras máis para o galego do
Bierzo.
A Comisión Cultural Martín Sarmiento quere
anunciar publicamente o reto que se dispón a realizar coa iniciativa denominada O
Mego das Palabras. Este vai ser o nome que reciba esta campaña que é
tamén unha proposta didáctica que queremos sexa toda unha experiencia
participativa e aberta á colaboración de cuantos máis bercianas/os mellor.
Presentarémoslla inicialmente nestas Xornadas
ao alumnado e docentes do Galego do Bierzo que actualmente cursan o Programa de Promoción desta lingua nos
centros de ensino en distintos lugares da comarca, pero tamén estará presente
nas redes sociais para que se converta nun reto colectivo no que poida estar
implicado todo berciana/o que queira colaborar a rescatar 1000 palabras máis
para o Galego do Bierzo.
Partimos da publicación do primeiro Dicionario
do Galego do Bierzo de Sara Rodríguez Fernández que contén 15.000
entradas e que pretendemos con esta iniciativa seguir ampliando. Unha conta de instagram * e unha páxina web** irán dando conta dos avances deste reto
conxunto que propoñemos e que, sen prazos determinados, quixeramos acadar como
máximo no transcurso deste 2024 de maneira que para a celebración das próximas
Xornadas Martín Sarmiento, saquemos do esquecemento 1000 palabras máis do
galego que se fala no Bierzo.
![]() |
Sara Rodríguez presentando o reto do Mego das palabras |
As palabras que cheguen ao Mego
das Palabras pasarán evidentemente por un estudo filolóxico que
determine con criterio que poden formar parte dunha segunda edición ampliada do
Dicionario do Galego do Bierzo que,
como dixemos, xa conta actualmente cun
número considerable de entradas. A riqueza léxica é unha das características
identitarias da nosa comarca no que ao patrimonio lingüístico se refire. Facer
gala desta parte da nosa cultura tan esencial e en perigo de desaparición, á
vez de ir enriquecendo no proceso de recolleita a todo aquel que colabore, é,
sen lugar a dúbidas, unha das metas que nos propoñemos abarcar convencidas/os
de que se trata dun traballo complexo e difícil, pero moi gratificante e
reparador. Agardamos sexa acollida con interese e logremos o obxectivo de
superar este reto que, dalgún xeito,
sentimos que nos propuxo o propio Frei Martín Sarmiento cuando en 1745
comezou os seus escritos filolóxicos sobre o galego recompilando palabras ao
seu paso polo Bierzo.
* https://www.instagram.com/dicionariodogalegodobierzo?igsh=YjYxMnJ6cmNyZDl5
Comentarios
Publicar un comentario